As obras de mellora do firme na estrada autonómica LU-611 en Bóveda suporán afeccións ao tráfico a partir deste xoves

O tramo da LU-611 entre os quilómetros 1 e 5 estará cortado os vindeiros días 1 e 2 e do 5 ao 9 de setembro, entre as 8:00 da mañá e as 19:00 horas da tarde

Para minimizar a incidencia na circulación durante a execución dos traballos estarán habilitados e sinalizados desvíos de tráfico pola LU-546 e pola LU-P-0903

A actuación na LU-611 enmárcase no contrato para o acondicionamento do pavimento que está a executar a Xunta tamén na LU-617 e na LU-603 ao seu paso polos concellos de Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Bóveda, cun investimento global de 1,5 M€

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns estradas cómodas e seguras

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2022

As obras de mellora do firme da estrada autonómica LU-611 ao seu paso polo concello de Bóveda suporán afeccións ao tráfico a partir deste xoves.

 

Concretamente, o tramo da LU-611 entre os quilómetros 1 e 5 quedará cortado ao tráfico os vindeiros días 1 e 2, e desde o 5 ao 9 de setembro, entre as 8:00 horas da mañá e as 19:00 horas da tarde cada un deses días.

Para minimizar a incidencia na circulación, durante a execución destes traballos, estarán habilitados e sinalizados os correspondentes desvíos do tráfico pola LU-546 e pola LU-P-0903.

Máis de 1,5 M€ de investimento

Esta actuación na LU-611 enmárcase no contrato para o acondicionamento do pavimento que está a executar a Xunta tamén nas estradas LU-617 e LU-603 ao seu paso polos concellos de Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Bóveda.

 

A intervención, cun investimento global de 1,5 M€, suporá a mellora do firme nun total de 17 quilómetros das tres vías autonómicas. Os traballos, que comezaron o mes pasado, contan cun prazo de execución de 6 meses.

 

De xeito máis detallado, as actuación na LU-611, baséanse no reforzo e mellora do firme ao longo de cinco quilómetros desta estrada de conexión con Taboada. Toda a actuación desenvolverase neste termo municipal, desde a glorieta de Rubián, no punto quilométrico 1 e ata o punto 5+030.

 

Na LU-617, os traballos céntranse no acondicionamento de 11,5 km entre Monforte de Lemos e Escairón (O Saviñao), en concreto desde a glorieta na que conecta a vía de altas prestacións CG-2.2, no punto quilométrico 1,5, ata a intersección coa estrada LU-615 en Escairón, no punto 13.

 

As obras na estrada LU-603 abranguerán a totalidade da vía, que ten unha lonxitude de 1,58 km e transcorre pola parroquia de Vilamelle, en Pantón, onde enlaza no inicio coa estrada N-120 e no final coa estrada de Sober.

 

En concreto, na LU-611 e na LU-603 executarase a regularización do pavimento con mestura bituminosa nas zonas en mal estado. A actuación terá o ancho do carril completo. En ambos os casos, realizaranse recrecidos do firme en toda a calzada.

 

Pola súa banda, na LU-617, realizaranse fresados localizados e reposición do pavimento a carril completo con mestura bituminosa en quente nas zonas deterioradas. Tamén se acometerán recrecidos do firme a calzada completa en todo o ancho da plataforma na totalidade do treito.

 

Estes traballos completaranse cunha serie de actuacións para mellorar a seguridade e as prestacións das tres estradas, como a instalación de sinalización horizontal, tacos de resalto, captafaros, barreira de seguridade ou cunetas.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

Imaxes relacionadas