A Xunta colabora na mellora das instalacións municipais de Ribadumia

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a localidade para comprobar as actuacións levadas a cabo ao abeiro da Orde de infraestruturas do Goberno galego, que supuxeron unha achega de case 28.000 euros

Realizáronse obras de reparación e acondicionamento en diversos parques infantís, no pavillón de Sisán e no centro social de Barrantes, así como no arquivo municipal

O orzamento global da liña de axudas ascende este ano a 3,5 millóns de euros
 

 

Ribadumia (Pontevedra), 30 de agosto de 2022.- A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, o concello de Ribadumia para coñecer as actuacións desenvolvidas nesta localidade ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público da Xunta. As obras realizadas supuxeron unha achega de case 28.000 euros para a rehabilitación e mellora de diversos parques infantís, no pavillón de Sisán e no centro social de Barrantes, así como para o acondicionamento e equipamento do arquivo municipal.

A meirande parte do orzamento destinouse aos parques infantís, co obxectivo de mellorar a dotación e a seguridade dos espazos de lecer para a poboación máis nova. Así, actuouse nos parques do Concello e da Carballeira, na parroquia de Ribadumia, e da Piolla e do Centro, na parroquia de Barrantes. Tamén se desenvolveron actuacións de mellora nos parques infantís dos CRAs de Leiro, Lois e Ribadumia. En todos eles reparáronse e substituíronse distintos elementos, ademais de instalar outros novos a maiores.

No caso do pavillón de Sisán, actuouse na reparación da cuberta do edificio para solucionar os problemas de filtración de auga. Canto ao centro social de Barrantes, reforzouse a varanda de entrada á planta baixa, a prol dunha mellor accesibilidade.

Arquivo municipal

Por outra banda, mellorouse o equipamento do arquivo municipal con mobiliario de almacenaxe e outras dotacións. O obxectivo é o aproveitamento máis racional e efectivo do espazo para facilitar tanto a orde coma a consulta dos materiais. Ademais, actuouse sobre as condicións térmicas coa instalación de deshumidificadores para manter nun óptimo estado os documentos en papel. Neste espazo tamén se realizaron labores de acondicionamento, con substitución de carpinterías, reforzo de iluminación, pintado e instalación de sinalización.

A Orde de infraestruturas de uso público destínase a concellos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Neste ano, o orzamento global previsto para as actuacións ascende a 3,5 millóns de euros.

A directora xeral destacou como obxectivo da medida o de facilitarlles ás administracións locais e á cidadanía unhas axeitadas infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Coas axudas búscase tamén garantir un equilibrio entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita tanto o desenvolvemento económico da totalidade do territorio galego como unhas óptimas condicións de vida da cidadanía con independencia do lugar de residencia. 

A Orde de infraestruturas forma parte das diferentes liñas de axudas a prol das administracións locais. Segundo sinalou Natalia Prieto, o Concello de Ribadumia recibiu nos últimos anos preto dun millón de euros para diversas actuacións tanto en infraestruturas como de protección e mellora ambiental.

Imaxes relacionadas