Román Rodríguez avanza que Galicia dará este curso un novo salto na FP con máis profesorado e unha aposta pola modernización e a innovación

Estréanse 37.588 prazas en primeiro curso, 1.700 máis que o ano pasado e un 52% máis que hai unha década, o que garante formación para todos os interesados

Sinala que será o primeiro curso no que se desenvolva de xeito íntegro a Estratexia de FP Galicia 2030, aprobada pola Xunta cun investimento inicial de 900M€

“Utilidade, prestixio e confianza” son, en palabras do conselleiro, as claves que permitiron á Comunidade adiantarse e ser líder en FP a nivel nacional

A nova aula dispón de recursos didácticos virtuais e software de simulación para traballar nas principais áreas tecnolóxicas da dixitalización da industria: robótica, realidade aumentada e virtual, fabricación aditiva ou a internet das cousas

Este venres abre o terceiro proceso de matrícula
 

 

Lugo, 30 de agosto de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o Centro Integrado de FP (CIFP) Politécnico de Lugo, onde avanzou que Galicia dará neste novo curso un novo salto na FP, con máis profesorado e unha aposta pola modernización e a innovación destas ensinanzas que son garantía de emprego, con unha inserción laboral que en FP Dual é case do 100%.

 

O representante da Xunta, que estivo acompañado polo director xeral de FP, José Luis Mira, sinalou que este venres abrirase o terceiro período de matrícula de FP no que se prevé un novo incremento de estudantes, na tendencia crecente experimentada nos últimos anos e que garante praza a todos os interesados. Unha vez conclúa este prazo, a Consellería poderá facer un balance da evolución que, como afirmou o conselleiro, “apunta a que volverá ser positiva unha vez máis”. 

 

Será o primeiro curso no que a Xunta desenvolverá de xeito íntegro a nova Estratexia de FP Galicia 2030, aprobada este ano e dotada con 900M€ ata o vindeiro ano 2024. Este documento inclúe accións que forman parte da aposta da Xunta por unha Formación Profesional “útil, con prestixio e confianza”, que foi quen de “adiantarse” e hoxe se sitúa nunha posición de vantaxe para estudantes e empresas respecto ao resto de España.

 
 

Aposta pola FP Dual

Unha das prioridade é a FP Dual que, en concreto, este ano aumenta un 20% o número de ciclos e un 25% o de prazas. En total, o Goberno galego redobra a aposta pola FP ofertando 37.588 prazas en primeiro curso en centros con fondos públicos, o que supón 1.700 máis que o ano pasado, e un 52% máis que hai exactamente unha década.

 

No Politécnico de Lugo, Román Rodríguez coñeceu o proxecto Aula 4.0, desenvolvido ao abeiro da convocatoria para a conversión de aulas tradicionais en espazos de tecnoloxía aplicada. No transcurso do seu percorrido, salientou o impulso da FP na cidade de Lugo para o curso que comeza: “Nesta cidade incorporamos á oferta máis de 400 novas prazas en ciclos tanto de réxime ordinario, como na modalidade Dual e nos másteres de FP”.

 

27 espazos de tecnoloxía aplicada

Son un total de 27 os centros de ensino galego que imparten ensinanzas de FP que participan no programa de espazos de tecnoloxía aplicada a través das dúas convocatorias realizadas ata o momento, cun importe total de case 1,5M€.

 

No caso do proxecto do CIFP Politécnico de Lugo, Aula 4.0, colaborouse coa posta en marcha dun espazo pensado para estudar, experimentar e demostrar aspectos da Industria 4.0, simulando as contornas laborais.

 

A aula dispón de recursos didácticos reais e virtuais e software de simulación e de xeración de xemelgos dixitais. Este equipamento permite traballar nas principais áreas tecnolóxicas da dixitalización da industria, centrándose principalmente nas liñas de robótica colaborativa, realidade aumentada e virtual, fabricación aditiva ou a internet das cousas, entre outras.

Imaxes relacionadas