A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o delegado territorial da Xunta en Ourense visitaron hoxe as instalacións

A Xunta pon en marcha unha oficina para informar dos avances na mellora e modernización do regadío da Limia aos propietarios das parcelas e ás comunidades de regantes

Inés Santé sinalou que poderán achegarse os propietarios de predios xa adheridos ao regadío, os interesados en incorporarse e -en xeral- os que estean de acordo coa posta en marcha de polígonos agroforestais que facilitarán as obras de ampliación

Destacou que o Goberno galego xa executou máis dun terzo dos 42 novos pozos de sondaxe de auga previstos nesta bisbarra ourensá, para os que se consignou un investimento de preto de 4 millóns de euros

Puxo en valor tamén os case 36 millóns de euros que se investirán na comarca por parte da Xunta e do Estado, uns fondos conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do executivo autonómico

Destes fondos, uns 16 millóns serán para modernizar o regadío, preto de 4 -aportados pola Xunta- para a construción dos pozos e os 16 restantes foron xestionados pola Consellería ante Madrid para a limpeza das canles e dos camiños paralelos
 

 

Xinzo de Limia (Ourense), 30 de agosto de 2022.- A Xunta vén de poñer en marcha unha oficina para ter permanentemente informados de todos os avances na mellora e modernización do regadío da Limia aos propietarios das parcelas e ás comunidades de regantes de Lamas Ganade, San Salvador de Sabucedo, Corno do Monte e Alta Limia. Así, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe as instalacións, situadas no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Na visita tamén estivo o presidente do Inorde e vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.

 

Alí, Inés Santé sinalou que poderán achegarse á oficina a entregar documentación os propietarios de predios xa adheridos ao regadío. Así mesmo, poderán solicitar información os que non se incorporasen ao regadío no seu momento pero aos que lles gustaría adherirse cando estea ampliado, así como -en xeral- os que estean de acordo coa posta en marcha de polígonos agroforestais que facilitarán a execución das obras de ampliación.  

 

A directora xeral lembrou que o Goberno galego inviste preto de 4 millóns de euros nestes traballos de mellora e modernización do regadío. Os labores -xa iniciados- consisten na construción de 42 novos pozos de sondaxe de auga nesta bisbarra ourensá, dos que xa están executados -segundo salientou- máis dun terzo. Desta forma, avánzase na colaboración entre a Xunta e a Administración Xeral do Estado a prol da xestión sustentable da actividade agrogandeira na comarca da Limia, de referencia para o rural galego.

 

As actuacións enmárcanse no investimento de arredor de 36 millóns de euros que destinará a Xunta e o Estado á bisbarra, uns fondos que foron conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do Goberno galego. Destas achegas, preto de 16 millóns servirán para modernizar o regadío, outros case 4 millóns -aportados pola Xunta- serán para a construción dos devanditos 42 pozos e os 16 restantes foron xestionados pola Consellería do Medio Rural ante o Estado, de forma adicional, para a limpeza das canles e dos camiños paralelos, un investimento que Inés Santé agarda que se faga efectivo, de acordo co compromiso amosado polo Ministerio de Agricultura.

 

Ademais, cómpre engadir os máis de 600.000 euros que destinou a Consellería do Medio Rural, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, entre o ano pasado e este para a reparación de camiños na comarca, todo enmarcado no Plan estratéxico do sector agrario da Limia.    

Imaxes relacionadas