A Xunta organiza en Boqueixón unha acción de formación profesional e adquisición de competencias en cultivos de outono/inverno na horta ecolóxica

O curso terá lugar os días 5, 7, 12, 14, 19 e 21 de setembro, en horario de tarde, no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2022

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias sobre cultivos de outono/inverno na horta ecolóxica. O obradoiro darase os días 5, 7, 12, 14, 19 e 21 de setembro no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón. O horario do curso será de tarde, dende as 16:00 ata as 20:00 h.

O programa do obradoiro contén tanto nocións teóricas como prácticas. Cada día abarcará un tema, que será explicado en detalle na parte teórica antes de realizar exemplos prácticos. Os bloques de contido do curso inclúen nocións sobre a obtención de sementes, a eficiencia na explotación e traballos agrícolas e infraestruturas para cubrir os cultivos, entre outros.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso formar ós alumnos na práctica da produción de horta en ecolóxico, facendo prácticas dende a programación e implantación dos cultivos ata a súa comercialización. Isto, nun dos sectores agrarios de maior peso na produción vexetal.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 86 73 31, ou enviarse un correo a cursos.agacal.sergude@edu.xunta.gal.