A Xunta apoia a concentración Xóvenes Peregrinos da Escola Luguesa de Xadrez con simultáneas en 5 concellos

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou que O Teu Xacobeo patrocina esta actividade que acollerán os municipios de Lugo, Triacastela, Samos, Portomarín e Palas de Rei.

 

Na actividade participarán 20 xogadores e 6 adestradores e desenvolverase do 1 ao 5 de setembro con exhibicións abertas a peregrinos e público en xeral
 

Lugo, 29 de agosto de 2022

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, xunto ao Mestre Fide, Pablo López e o adestrador, Pablo Castro, presentaron a concentración Xóvenes Peregrinos organizada pola Escola Luguesa de Xadrez, que achegará simultáneas aos concellos de Lugo, Triacastela, Samos, Portomarín e Palas de Rei.

 

A Xunta de Galicia apoia este encontro a través de O Teu Xacobeo, no que participarán 20 rapaces xogadores amaters que recibirán os consellos e os coñecementos de 6 adestradores na contorna do Camiño de Santiago.

 

Entre as actividades programadas do 1 ao 5 de setembro, abertas a peregrinos e público en xeral, Arias destacou a exhibición do Gran Mestre Ilmars Starotitsque se desenvolverá en Triacastela ou o torneo de rápidas, que xunto ás concentracións no albergue xuvenil de Portomarín, ou o percorrido de diferentes tramos do Camiño, farán desta unha actividade entretida que “permitirá estimular a mente dos rapaces, xunto ao contacto coa natureza, ás portas do inicio do curso escolar”. A concentración rematará o martes, 6 de setembro, cunha exhibición na praza maior de Lugo, concretamente no taboleiro do xadrez.

 

O acto de presentación rematou cunha demostración en directo de varias simultáneas ofrecidas polos rapaces da Escola Luguesa de Xadrez na explanada do edificio administrativo da Xunta en Lugo.

Imaxes relacionadas