O presidente da Xunta asistiu ao nomeamento do xornalista galego como fillo predilecto de Dodro

Rueda destaca o papel de Pepe Domingo Castaño como referente xornalístico e como un dos grandes embaixadores de Galicia

Subliña a contribución do periodista no espallamento do bo nome de Galicia e salienta a súa figura como modelo de emigrante que trunfou fóra da súa terra

Dodro (A Coruña), 29 de agosto de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel de Pepe Domingo Castaño como referente xornalístico e como un dos grandes embaixadores de Galicia.

 

O titular do Goberno galego asistiu ao nomeamento do xornalista como fillo predilecto de Dodro, sendo o primeiro veciño nacido na localidade que acada dita honra. Neste sentido, subliñou a contribución do periodista no espallamento do bo nome de Galicia e salientou a súa figura como modelo de emigrante que trunfou fóra da súa terra. Na mesma liña, agradeceulle o orgullo co que sempre defendeu as súas orixes en Dodro e a súa infancia en Padrón. “Pepe Domingo Castaño é un galego que exerce e que fala ben sempre de nós”, afirmou.

 

Durante a súa intervención, Alfonso Rueda salientou a carreira xornalística do homenaxeado, de quen dixo que “o foi todo na radio” conseguindo crear, ademais, da “publicidade unha arte”; e a súa faciana como escritor. Así, o presidente explicou que nas súas memorias, Hasta que se me acaben las palabras, nunha soa frase Domingo Castaño foi capaz de definir os sentimentos dos galegos que non esquecen as súa raíces: “deixar o pobo dun é como unha liña vermella que marca un bisturí na carne da alma”.

 

Para finalizar, o presidente da Xunta valorou que Pepe Domingo Castaño recorde sempre con orgullo as súas orixes na comarca do Sar. “Sempre vas ser ben recibido no teu pobo e en Galicia”, sentenciou.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta