A aposta da Xunta polo bádminton como modalidade estratéxica acada a súa primeira recompensa internacional co europeo júnior de dobres feminino

A parella formada por Lucía Rodríguez e Nikol Carulla, ambas as dúas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e adestradas por Rafa Vázquez, logrou a medalla de ouro tras a vitoria na final ante Inglaterra

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2022

Dúas deportistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva -a salvaterrense Lucía Rodríguez e a alicantina Nikol Carulla- veñen de proclamarse campioas de Europa júnior de bádminton na modalidade de dobres feminino na cidade de Belgrado (Serbia), o que representa a primeira medalla internacional acadada polo bádminton galego. A final, na que se enfrontaron ás inglesas Lisa Curtin y Estelle Van Leeuwen o pasado sábado, finalizou en dous sets cun resultado de 21-19 e 21-16.

Tanto Lucía Rodríguez (CB As Neves) coma Nikol Carulla (CB A Estrada) atópanse actualmente adestrando nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, na cidade de Pontevedra, baixo os mandos do adestrador Rafael Vázquez, quen fora tamén xogador durante varios anos na elite do bádminton galego.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, celebrou o éxito galego no campionato de Europa e afirmou que resultados coma este “son froito do gran traballo que se vén realizando dende hai anos na tecnificación galega”. Tamén salientou a aposta que leva realizando Galicia durante os últimos anos en prol do bádminton como modalidade estratéxica.

Imaxes relacionadas