A Xunta adxudica por case 85.000 euros o servizo de xestión telefónica de atención, información e reserva de prazas do transporte público interurbano de Galicia

O obxectivo é dar resposta inmediata ás solicitudes de información, peticións e incidencias relacionadas co transporte regular de viaxeiros da Xunta, incluíndo a reserva de praza en servizos de bus baixo demanda

O servizo operará de luns a venres entre as 08:00 e as 20:00 horas, e os sábados de 08:00 a 14:00 horas

Trátase de garantir a atención a todas as persoas, complementando os servizos que xa se prestan a través da web bus.gal

A Xunta prevé que o 100% das chamadas que entren no sistema sexan atendidas persoalmente en menos de 20 segundos, estimándose un volume de ata 1.500 atencións mensuais

O contrato recolle a posibilidade de ampliar o seu alcance coa implantación da Área de Transporte de Galicia, o que elevaría o seu valor total a case 585.000 €

A Xunta continúa traballando na modernización dos servizos e das infraestruturas do transporte para responder de xeito eficiente ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, adxudicou por case 85.000 euros a prestación do servizo de xestión telefónica de atención, información e reserva de prazas do sistema de transporte público interurbano de Galicia.

 

A adxudicataria, Combina Social, S. L., prestará os servizos de luns a venres entre as 08:00 e as 20:00 horas, e os sábados de 08:00 a 14:00 horas.

 

O contrato, que estaba reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción, conta cun prazo de execución dun ano, podendo ser obxecto de prórrogas por ata catro anos máis. Recolle, tamén, a posibilidade de reforzar o servizo con motivo da implantación da Área de Transporte de Galicia e coa evolución do sistema tecnolóxico que se emprega para aboar os servizos de transporte, a tarxeta TMG. Así, o valor total do contrato podería elevarse ata arredor dos 585.000 €.

 

A adxudicataria do contrato xestionará unha central de chamadas para ofrecer unha resposta inmediata ás solicitudes de información, peticións e incidencias formuladas pola cidadanía en relación coa prestación do servizo público de transporte regular de viaxeiros. Tamén inclúe a realización de certas xestións directas relacionadas cos servizos, tales como a reserva de praza en servizos baixo demanda.

 

Con este contrato a Xunta ten como prioridade garantir a prestación dun servizo dirixido a aquelas persoas que poidan ter máis dificultades para acceder a os servizos existentes vía web, asegurando a universalidade do servizo público de transporte público.

 

Cómpre lembrar que todos os servizos obxecto deste contrato son complementarios ao que a Xunta presta, igualmente, a través de sistemas tecnolóxicos, especialmente a través da páxina web bus.gal, na que se concentra a información sobre os servizos públicos de transporte regular de competencia autonómica. Ao tempo, estes servizos permiten, tamén, realizar directamente reservas de autobuses baixo demanda.

 

Mediante este contrato, a Xunta prevé que o 100% das chamadas que entren no sistema sexan atendidas persoalmente en menos de 20 segundos e que o volume de chamadas atendidas poidan superar as 1.500 ao mes.

 

Os traballos incluídos no contrato

Os servizos básicos obxecto do contrato adxudicado inclúen facilitar toda información sobre o sistema de transporte público da Xunta: consultas sobre servizos de transporte interurbano (horarios, paradas, calendarios, expedicións, tarifas ou bonos), así como as actuacións relacionadas coas iniciativas promovidas pola Administración autonómica, tales como a tarxeta Xente Nova ou a Área de Transporte de Galicia, ou calquera outro aspecto relacionado cos autobuses da Xunta.

 

O contratista ocuparase tamén da realización de reservas previas en servizos de transporte con tráficos que a Xunta presta na modalidade baixo demanda, e outras actividades relacionadas, como a xestión das incidencias notificadas a través de calquera dos medios habilitados en relación coa prestación dos servizos de autobús previamente reservados.

 

No marco dos servizos tamén se prevé a recepción de queixas, reclamacións e suxestións, que serán xestionadas a través, e cara as canles marcadas na dirección do traballo, así como a realización da súa correspondente atención e a súa contestación.

 

Ademais, o contrato propón a ampliación e mellora da información dispoñible nos sistemas de xestión destinados ao servizo de información e xestión, a elaboración de informes técnicos sobre calidade do servizo, e a realización de campañas promocionais relacionadas co fomento do uso do transporte público.

 

A Xunta, tras completar o Plan de Transporte Público de Galicia, continúa traballando na modernización dos servizos e das infraestruturas do transporte para responder de xeito eficiente ás necesidades dos cidadáns en materia de mobilidade.