A Xunta adxudica por máis de 1,86 M€ as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil na parroquia de Santo André de Xeve, en Pontevedra

Acometerase unha actuación integral nas estradas PO-223 e PO-224 que favorecerá unha contorna escolar segura, froito da colaboración da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade con STOP Accidentes e do diálogo co CEIP Santo André de Xeve
 

Os traballos iniciaranse ao longo do outono e teñen un prazo de execución de 18 meses
 

Na intervención inclúense as propostas de mobilidade do Plan de sendas de Galicia na comarca, para enlazar de xeito máis seguro e sustentable os núcleos do Couso e Sobral, unindo os equipamentos da zona: o polígono, o colexio e a parroquia
 

Na PO-223 habilitarase unha senda mixta de 1,9 km de lonxitude e nos cruces disporanse semiglorietas e cuñas de aceleración e desaceleración, melloraranse as paradas de bus e executarase un tramo de senda na glorieta de cruce coa vía a Monteporreiro
 

Construirase unha glorieta de 30 metros na intersección da PO-224 onde se produce o cruzamento de ambas as vías e habilitarse unha senda para conectar o colexio e o núcleo de Sobral, ademais de reordenar e ampliar as zonas de aparcadoiro
 

Habilitarase un carril exprés na fronte do colexio que facilitará a baixada e recollida dos alumnos de xeito seguro e reordenarase e ampliarase a zona de aparcadoiro
 

As intervencións enmárcanse nos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation en Pontevedra e na súa área, aos que destinarán máis de 14 M€

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2022

A Xunta adxudicou por 1.867.646 euros a execución das obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil dos veciños e dos escolares da parroquia de Santo André de Xeve, no concello de Pontevedra.

 

A intervención, adxudicada á empresa Construcciones y obras Taboada y Ramos S.L.U., prevese inicar a comezos de outono, unha vez rematado o proceso expropiatorio o pasado mes de xuño das 46 fincas necesarias para a execución das obras. Os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses.

 

Mediante este contrato, a Xunta acometerá as actuacións necesarias nas estradas autonómicas PO-223 e PO-224 para a transformación da mobilidade nesta parroquia do municipio de Pontevedra. A intervención comprende un conxunto de actuacións integrais, ambiciosas e transformadoras para favorecer unha contorna escolar segura.

 

A intervención é froito do diálogo mantido coa dirección do centro educativo, coa implicación dos propios alumnos do centro, e enmárcanse na colaboración que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén desde hai anos con STOP Accidentes a prol da seguridade nas vías autonómicas. 

 

Con estes traballos, nos que tamén se conxugan as propostas de mobilidade sustentable recollidas no Plan de sendas de Galicia que a Xunta está a desenvolver na comarca de Pontevedra, perséguese enlazar dun xeito máis seguro e sustentable os núcleos do Couso e Sobral, ao tempo que se favorece a conexión dos principais equipamentos e focos de atracción da zona, como son o polígono empresarial, o colexio público e a propia parroquia de Xeve.

 

Para iso, dotarase a PO-223 dunha senda mixta, para o tránsito peonil e de ciclistas non deportivos, de 1,9 km de lonxitude e cun ancho mínimo de 1,80 metros. Tamén se levarán a cabo melloras puntuais do trazado, para encaixar a senda pola marxe dereita da vía, e actuarase nas principais interseccións, con disposición de semiglorietas e cuñas de aceleración e desaceleración que faciliten as incorporacións.

 

Máis en detalle, nesa contorna melloraranse as paradas de autobús en ambas as marxes e executarase un pequeno treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monteporreiro, atendendo á solicitude do colectivo ciclista Pedaladas.

 

Estas intervencións na PO-223 completaranse coas xa previstas na PO-224, na intersección onde se cruzan estas dúas estradas de titularidade da Xunta e onde se sitúa o CEIP.

 

Precisamente na intersección onde se produce o cruzamento de ambas as vías, executarase unha glorieta de 30 metros de diámetro que reforzará a seguridade viaria e contribuirá ao calmado de tráfico, ao producir un efecto de diminución de velocidade.

 

Tamén se construirá unha senda para unir o colexio e o núcleo de Sobral. Serán 400 metros de itinerario desde a vía de acceso a Sobral ata a saída do novo aparcadoiro do centro educativo.

 

Reordenaranse e ampliaranse as zonas de aparcadoiro: habilitarase un carril central de sentido único e 27 novas prazas de aparcadoiro en batería a ambos os lados, nunha parcela propiedade da Comunidade de Montes en Mancomún de Santa María de Xeve. Tamén se ampliará a zona de aparcadoiro de autobuses, incorporando 18 prazas para mestres e empregados do CEIP. Deste xeito, conséguese unha notable mellora na zona de manobras e tamén se dotarán 4 prazas para o estacionamento de autobuses.

 

Destaca nesta obra, ademais, unha intervención moi importante para a seguridade dos cativos: a execución dun carril exprés na fronte do colexio, un ‘kiss and ride’ que facilitará a baixada e recollida dos alumnos de xeito seguro. Tamén se reubicarán e mellorarán as paradas de autobús, reporase a capa de rodadura no treito de actuación e reforzarase a sinalización.

 

No marco destas actuacións instalaranse seis marquesiñas para facilitarlle aos usuarios do transporte a espera, cinco delas novas e unha que se renova.

 

Estas obras e os proxectos son promovidos polo departamento de Infraestruturas da Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation para fomentar a mobilidade sustentable nas cidades galegas e nas súas contornas. En Pontevedra a Xunta desenvolverá un conxunto de actuacións no municipio e nos concellos da área que suporán un investimento de máis de 14 M€.

 

Ademais destas intervencións impulsarase a transformación integral da estrada vella de Marín; melloraranse preto de 100 paradas de autobús; e habilitaranse 4 aparcadoiros: un disuasorio na contorna da estrada vella de Marín e outros tres pensados para compartir coche nas inmediacións das vías de altas prestacións de Marín, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa.