A Xunta colabora na mellora do local social da asociación de veciños de Morlán en Trazo

O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, comprobou hoxe as actuacións levadas a cabo a través das axudas do Goberno galego
 

Destináronse máis de 17.000 euros a actuacións a prol da actualización das instalacións e da dotación dunha maior accesibilidade
 

O representante do Goberno galego recalcou que na comarca de Santiago apoiáronse a oito entidades veciñais cun importe de 121.000 euros para mellorar os seus locais sociais
 

Trenor lembrou que a Xunta incrementou este ano o orzamento da orde nun 20%, ata acadar os 3 M€

Trazo (A Coruña),  29 de agosto de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe o local social da asociación de veciños de Morlán en Trazo comprobar as melloras realizadas co apoio da Xunta, nas que se investiron máis de 17.000 euros. A través desta iniciativa construíuse un almacén, unha beirarrúa perimetral a todo o edificio, elimináronse as barreiras arquitectónicas mediante a construción dunha rampa de acceso para persoas con mobilidade reducida e instalouse un termo eléctrico e unha estufa de pellets.

 

O obxectivo de todo este proxecto foi conseguir un lugar onde os residentes poidan realizar e ter acceso a todo tipo de actividades sociais, culturais e de lecer, así como manter un lugar de encontro para poder manter reunións das diversas asociacións locais como cumas, asociacións de mulleres e cooperativas que están asentadas no rural e que forman parte da actividade diaria desta zona de rural de Trazo.

 

Así tamén se celebran dous acontecementos lúdico-festivos na localidade nas inmediacións deste local social e polo tanto era moi importante para a asociación veciñal acondicionar as instalacións o mellor posible.

 

Na súa visita, Gonzalo Trenor, puido comprobar de primeira man as melloras realizadas no centro social coa achega do Goberno galego. No percorrido polas instalacións, o delegado da Xunta recordou que a orde de acción comunitaria incrementou este ano o seu orzamento nun 20% con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros. O reforzo encádrase na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.

 

Concretamente, segundo informou o representante do Goberno galego, na comarca de Santiago apoiáronse a oito entidades veciñais dos concellos de Santiago, Padrón, Rois, Teo, Trazo e Vedra cunhas axudas que ascenderon a 121.000 euros e que mobilizaron en total case 130.000 euros.

 

Trenor lembrou que este  investimentos poden ir destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e á compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.

Imaxes relacionadas