A Xunta reforza a coordinación co Estado en materia de xestión de zonas afectadas por incendios forestais

Representantes de ambas administracións reuníronse esta mañá en San Caetano para intensificar esa colaboración, nunha xuntanza na que participaron responsables do Goberno galego e dos diferentes organismos de conca involucrados

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2022.- A Xunta reforza a coordinación interadministrativa en materia de xestión das zonas afectadas polos incendios forestais e de recuperación destas áreas tras os lumes. Representantes das administracións autonómica e central reuníronse esta mañá para intensificar esa colaboración.

Na xuntanza participaron responsables do Goberno galego e dos diferentes organismos de conca involucrados. Así, estiveron, entre outros, o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Nicolás Vázquez, os directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, así como o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a directora de Augas de Galicia -organismo de conca adscrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade-, Teresa Gutiérrez.

Neste encontro, ademais dos responsables da Xunta, participaron tamén de xeito telemático representantes dos demais organismos de conca involucrados (xunto a Augas de Galicia), como son as confederacións hidrográficas do Miño-Sil e do Douro. A xuntanza serviu para intensificar a coordinación entre ambas as dúas administracións e tamén para avanzar na creación de grupos de traballo provinciais, que coordinarán nos diferentes territorios a planificación das diversas accións a realizar.

Imaxes relacionadas