A Xunta conclúe as obras de acondicionamento do trazado da estrada AC-110 ao seu paso por As Somozas

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá xunto ao alcalde, Juan Alonso Tembrás, o resultado dos traballos nos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu preto de 500.000 euros
 

As obras permitiron a modificación do trazado de dúas curvas consecutivas co que se facilita a circulación dos transportes especiais e mellora a seguridade viaria dos veciños

As Somozas (A Coruña), 29 de agosto de 2022

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, e do xefe territorial de Infraestruturas, José Antonio Álvarez, supervisou o resultado das obras de mellora do trazado da estrada autonómica AC-110 ao seu paso polo municipio.

 

A intervención supuxo un investimento de preto de 500.000 euros da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, tendo en conta o pagamento dos cinco predios necesarios para a execución das obras.

 

Os traballos consistiron na modificación do trazado de dúas curvas consecutivas na contorna dos puntos quilométricos 11+500 e 11+700. Ademais construíronse dúas estruturas, unha para salvar a diferenza de cotas entre a nova rasante e o terreo natural; e outra entre a nova rasante e a das beirarrúas naqueles puntos nos que está condicionada pola cota de acceso ás vivendas.

 

“O obxectivo deste proxecto é mellorar as condicións de circulación e reforzar a seguridade viaria neste tramo da estrada autonómica na que o antigo trazado impedía o tránsito normal dos transportes especiais debido aos escasos radios de curvatura que tiñan as dúas curvas consecutivas que agora se modificaron”, explicou a delegada territorial.

 

Ademais precisou, que a intervención completouse coa reposición das dúas beirarrúas que se executaron en pavimento de formigón en cor reforzado con mallazo e se prolongou a drenaxe transversal no treito acondicionado.

 

Tamén se instalou sinalización completa, tanto horizontal como vertical, que incluíu balizamento e defensas, alumeado público, canalización de telecomunicacións e reposición dos servizos municipais. A actuación complementouse coas obras de urbanización acometidas polo Concello cun investimento de 163.000 euros.

Imaxes relacionadas