A Xunta organiza en Boqueixón unha acción de formación profesional e adquisición de competencias en lexislación de benestar animal

O curso empezará este próximo sábado 3 de setembro e levarase a cabo no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2022

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias en lexislación de benestar animal. O obradoiro darase os días 3 e 17 de setembro, así como o 1 de outubro, no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón. O horario do curso será tanto de mañá, dende as 9:00 ata as 14:00 horas, como de tarde, dende as 16:00 ata as 21:00 h.

 

O programa do obradoiro contén tanto nocións teóricas, que se darán durante os tres días da acción formativa, como prácticas, impartidas na tarde do 1 de outubro. O bloque práctico inclúe unha visita ás instalacións de As Regas S.A.T. e a unha explotación do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude antes de finalizar o curso cun exame.

 

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso formar aos seus alumnos no relativo á diversa lexislación de benestar animal tanto a nivel europeo como nacional e galego. Así mesmo, preténdese proporcionar a formación esixida neste tipo de obradoiros a persoal de explotacións, condutores/as e coidadores/as.

 

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 86 73 31, ou enviarse un correo a cursos.agacal.sergude@edu.xunta.gal.