O presidente da Xunta asistiu á LXIII Festa do Viño do Condado do Tea, na que foi nomeado confrade de honra pola Confraría do Viño Condado do Tea e Espumosos

Rueda destaca a calidade e a variedade dos viños e dos espumosos do Condado do Tea, que non deixan de conquistar novos mercados

Subliña o éxito das variedades desta subzona da D.O. Rías Baixas, “unha terra mimada para o cultivo do viño polo coidado de 1.500 viticultores”

Destaca a relevancia desta festa declarada de interese turístico de Galicia na promoción dos seus caldos

Recalca a aposta do Goberno galego por un sector clave na economía da Comunidade que xera 230 M€ ao ano
 

Salvaterra do Miño (Pontevedra), 28 de agosto de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a calidade e a variedade dos viños e dos espumosos do Condado do Tea, que non deixan de conquistar novos mercados.

 

O titular do Goberno galego asistiu á LXIII Festa do Viño do Condado de Tea, na que foi nomeado confrade de honra pola Confraría do Viño Condado do Tea e Espumosos.

 

Rueda subliñou o éxito das variedades desta subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas, “unha terra mimada para o cultivo do viño polo coidado de 1.500 viticultores” e destacou a relevancia desta festa declarada de interese turístico de Galicia na promoción dos seus caldos.

 

Como recordou o presidente da Xunta, Rías Baixas conta con máis de 4.000 hectáreas, máis de 5.000 viticultores e preto de 180 industrias que elaboran case 44 millóns de quilos de uva ao ano cun valor económico estimado de 180 millóns de euros. Como subzona desta denominación de orixe, Condado do Tea conta con 1.500 viticultores e unha superficie cultivada que supera as 1.000 hectáreas. Trátase dunha zona amparada polo indicativo de calidade recollido pola normativa europea e que a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) promociona baixo o paraugas de Experiencias de Calidade.

 

Rueda ratificou a aposta da Xunta polos caldos da subzona e destacou que a Consellería do Medio Rural, a través de Agacal, apoiaba ao Consello Regulador Rías Baixas cunha liña de axudas para actividades de promoción dos viños galegos. O mandatario galego indicou que os balances anuais logo de cada vendima e ao final de cada temporada ratificaban os beneficios acadados e avalaban a viticultura como un motor para a economía galega, que xera na Comunidade 230 millóns de euros anuais.

 

Alfonso Rueda expresou a súa satisfacción por ser nomeado confrade de honra da Confraría do Viño Condado do Tea e Espumosos e salientou o éxito duns caldos cada vez máis consolidados no mercado, con especial referencia aos espumosos, “que xa son os viños máis solicitados en calquera mesa que se prece e que axudan a afianzar a marca Galicia Calidade”, indicou.

 

Imaxes relacionadas