A Xunta mobiliza 4 M€ en reforzar os clústeres como impulsores da competitividade e a innovación das pemes galegas

O Igape resolve a convocatoria do programa de axudas ás asociacións empresariais innovadoras, cooperando desta volta con 11 dos principais clústeres galegos para facilitar o impulso tecnolóxico, a innovación e a captación de novas empresas mediante o seu fortalecemento

As entidades desenvolverán plans de formación e actividades orientadas ao fomento da dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo galego nalgúns dos principais sectores da economía galega como a automoción, o naval, o alimentario, o téxtil ou o granito

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia vén de resolver a liña específica de axudas para reforzar a actividade dos clústeres galegos no seu impulso á competitividade do tecido empresarial, en particular das pemes. Desta volta, o programa, a través do cal se conceden apoios por preto de 2 millóns de euros, permitirá mobilizar case 4 millóns colaborando con 11 das principais asociacións empresariais galegas para reforzar a súa aposta pola innovación e a internacionalización, así como o apoio que prestan ás pequenas e medianas empresas dos seus sectores.

 

A iniciativa, desenvolvida pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), fortalece así as agrupacións empresariais innovadoras e os clústeres galegos consolidados, que poñerán en marcha tanto plans de formación como actividades orientadas ao fomento da dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo da Comunidade.

 

Deste xeito, as axudas contribúen a consolidar os clústeres galegos para que sigan mobilizando recursos e proxectos e reforcen o seu papel activo á hora de definir estratexias cooperativas nos diversos ámbitos de desenvolvemento tecnolóxico.

 

Entre os beneficiarios desta convocatoria atópanse a Fundación Clúster Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), a Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga), a Asociación Clúster Alimentario de Galicia, a Asociación Clúster da Madeira de Galicia, o Clúster do Audiovisual Galego, o Clúster da Acuicultura de Galicia, a Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega), a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados (Anfaco), o Clúster da Comunicación de Galicia, a Asociación Clúster do Granito e o Clúster da Saúde de Galicia.

 

O programa reforza o papel destas organizacións como pancas de difusión e pezas estratéxicas no impulso de proxectos innovadores, dando soporte á transformación dixital das compañías do seu ámbito de influencia, especialmente ás pequenas e medianas empresas.

 

Ao mesmo tempo, a liña de axudas potencia o papel dinamizador dos clústeres na actividade económica de Galicia, xa que os sectores produtivos representados por estas entidades constitúen unha parte moi importante do PIB da Comunidade e das exportacións galegas.

 

Clústeres de creación recente

Esta iniciativa dá continuidade ás convocatorias realizadas ata o de agora neste eido, ás cales se destinaron máis de 8 millóns, ao tempo que complementa outras accións de fomento do asociacionismo empresarial, entre as que destaca a liña específica de axudas á actividade dos novos clústeres galegos.

 

Esta liña fortalece os clústeres galegos de creación recente -Viratec: Tecnoloxías ambientais; Clúster da Biomasa; e Clúster do Deporte-, permitíndolles mobilizar recursos e reforzando o seu papel activo na definición de estratexias nos diversos ámbitos de desenvolvemento tecnolóxico. Mediante este programa, os novos clústeres están a poñer en marcha plans estratéxicos e proxectos orientados ao fomento da dixitalización, a innovación e a internacionalización do tecido produtivo.

Imaxes relacionadas