O prazo para solicitar as axudas do Bono Enerxía Peme da Xunta de Galicia remata o mércores 31 de agosto

Os apoios teñen como obxectivo a mellora enerxética das instalacións de pemes e autónomos que desenvolvan actividades no comercio, hostalería, artístico-recreativas e outros servizos

Xa se concederon 364 axudas por un importe de 1,58M€

Pretenden ser un apoio para que o tecido empresarial poida facer fronte á actual carestía dos produtos enerxéticos e á situación de inflación

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia informa de que o vindeiro mércores, 31 de agosto, remata o prazo de solicitude do programa Bono Enerxía Peme impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación. Trátase dunha iniciativa destinada á mellora enerxética das instalacións de pemes e autónomos que desenvolvan actividades no comercio, hostalería, artístico-recreativas ou outros servizos.

Prevese superar os 700 beneficiarios cunha mobilización de 7,2 millóns de euros, propiciando un aumento da seguridade nas instalacións e acompañando a reactivación económica. Nestes momentos, das solicitudes recibidas, a Xunta xa leva concedido un total de 364 axudas por un importe de 1,58M€.

O Bono Enerxía Peme cobre o 80% do custo elixible da actuación ata un máximo de 6000 euros por solicitude. Apoiarase a instalación de elementos de control solar como toldos ou láminas de control solar ou térmico de cor branca, negra e variantes; a renovación de equipamentos de iluminación interior ou exterior, incluídos rótulos, por outros que utilicen tecnoloxía led; a mellora de eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garantan unha subministración con calidade e fiabilidade; a renovación de equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras ou secadoras, entre outros; a instalación de aparellos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria; ou sistemas domóticos ou inmóticos para a xestión da enerxía e un gasto máis eficiente.

Cun orzamento de 3M€, as axudas pretenden ser un apoio para que o tecido empresarial poida facer fronte á actual carestía dos produtos enerxéticos e á situación de inflación. Nesta mesma liña de impulsar iniciativas que permitan afianzar os obxectivos do Plan de medidas de aforro e eficiencia enerxética, a Xunta de Galicia vén de aprobar recentemente a duplicación do crédito previsto nas ordes de axudas dirixidas a fomentar o autoconsumo eléctrico en fogares, empresas e administracións, así como nos proxectos de renovables no sector residencial. Deste xeito, o orzamento para este eido en particular -que é xestionado pola Comunidade e que procede de fondos europeos- acada os 74 millóns de euros.

Imaxes relacionadas