O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe estes tres centros lucenses

A Xunta visita as casas niño de Navia de Suarna, Samos e Triacastela

Galicia conta con 440 prazas nestas pequenas escolas infantís situadas en municipios con poucos habitantes

As casas niño son completamente gratuítas e fomentan a cohesión e a igualdade de oportunidades entre o rural e a cidade

Navia de Suarna (Lugo), 26 de agosto de 2022

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe aos nenos e nenas das casas niño situadas nos concellos lucenses de Navia de Suarna, Samos e Triacastela. Durante a xornada lembrou que estas pequenas escolas infantís son 100% gratuítas para as familias e permiten crear recursos de conciliación e atención á infancia nos municipios menos poboados de Galicia.

 

O pasado mes de xuño publicouse unha nova orde no Diario Oficial de Galicia co aumento destes centros infantís elevando a 440 as prazas dispoñibles en toda a Comunidade para nenos de 0-3 anos. Isto supón a creación desde o ano 2016 dun total de 93 centros, dos cales 23 están na provincia de Lugo.

 

Jacobo Rey lembrou que Galicia é un lugar máis cohesivo e familiar gracias á creación das casas niño, ao fomentar a igualdade de oportunidades entre o rural e a cidade. Así mesmo, apuntou que estes centros permiten crear recursos de conciliación naqueles lugares onde non existía. 

 

Gratuidade das escolas infantís

O Goberno galego sitúa entre as súas prioridades o impulso de servizos que axuden ás familias a desenvolver o seu proxecto de vida. Neste sentido, neste vindeiro curso 2022-23, Galicia será pioneira en facer gratuíta a educación infantil en todas as escolas infantís, unha medida que beneficiará a 30.000 familias galegas.

Imaxes relacionadas