O avance nas obras de mellora do firme de tres estradas da zona sur de Lugo suporán afeccións ao tráfico os días 29 e 30 de agosto na LU-603, en Pantón

A LU-603 estará totalmente cortada ao tráfico entre as 8:00 horas da mañá e as 19:00 horas da tarde cada un destes dous días

Para minimizar a incidencia na circulación, durante a execución destes traballos, estarán habilitados e sinalizados os correspondentes desvíos do tráfico, pola N-120, a N-120a e a CG-2.1

Esta actuación, cun investimento de 1,5 M€, tamén prevé a realización de fresados localizados e reposición do pavimento a carril completo na LU-617

Na LU-611 e na LU-603 executarase a regularización do pavimento con mestura bituminosa nas zonas en mal estado, e a actuación terá o ancho do carril completo

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns estradas cómodas e seguras

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2022

O avance nas obras de mellora do firme que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executa nas estradas LU-617, LU-611 e LU-603 suporán afeccións ao tráfico os días 29 e 30 de agosto na última das tres vías, ao seu paso polo concello de Pantón.

 

A LU-603 estará totalmente cortada ao tráfico entre as 8:00 horas da mañá e as 19:00 horas da tarde cada un destes dous días.

Para minimizar a incidencia na circulación, durante a execución destes traballos, estarán habilitados e sinalizados os correspondentes desvíos do tráfico, pola N-120, a N-120a e a CG-2.1.

As obras que se executan

Trátase do acondicionamento do pavimento nas estradas LU-617, LU-611 e LU-603 ao seu paso polos concellos de Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Bóveda. A intervención, cun investimento de 1,5M€, suporá a mellora do firme nun total de 17 quilómetros das tres vías autonómicas. Os traballos, que comezaron o mes pasado, contan cun prazo de execución de 6 meses.

 

De xeito máis detallado, as actuacións na LU-617 baséanse no acondicionamento de 11,5 km entre Monforte de Lemos e Escairón (O Saviñao), en concreto desde a glorieta na que conecta a vía de altas prestacións CG-2.2, no punto quilométrico 1,5, ata a intersección coa estrada LU-615 en Escairón, no punto 13.

 

Na LU-611, ao seu paso polo concello de Bóveda, a intervención mellora algo máis de catro quilómetros desta estrada de conexión con Taboada. Toda a actuación desenvolverase neste termo municipal, desde a glorieta de Rubián, no punto quilométrico 1 e ata o punto 5+030.

 

As obras na estrada LU-603 abranguerán a totalidade da vía, que ten unha lonxitude de 1,58 km e transcorre pola parroquia de Vilamelle, en Pantón, onde enlaza no inicio coa estrada N-120 e no final coa estrada de Sober.

 

Máis en detalle, na LU-617, realizaranse fresados localizados e reposición do pavimento a carril completo con mestura bituminosa en quente nas zonas deterioradas. Tamén se acometerán recrecidos do firme a calzada completa en todo o ancho da plataforma na totalidade do treito.

 

Pola súa banda, na LU-611 e na LU-603 executarase a regularización do pavimento con mestura bituminosa nas zonas en mal estado. A actuación terá o ancho do carril completo. En ambos os casos, realizaranse recrecidos do firme en toda a calzada.

 

Estes traballos completaranse cunha serie de actuacións para mellorar a seguridade e as prestacións das tres estradas, como a instalación de sinalización horizontal, tacos de resalto, captafaros, barreira de seguridade ou cunetas.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.