A Xunta de Galicia e a UNEF avalían novas medidas para o fomento do aforro e a eficiencia enerxética

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, mantivo un encontro por videoconferencia con representantes da Unión Española Fotovoltaica para estreitar a colaboración en materia de axilización de axudas e simplificación de trámites

O Goberno galego avoga polo deseño de medidas consensuadas e adaptadas ás necesidades reais dos diferentes sectores que dean resposta á situación actual

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2022

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, mantivo un encontro con representantes da Unión Española Fotovoltaica (UNEF) dentro da ronda de contactos que o Goberno galego está a manter con diferentes axentes para coñecer as súas propostas en materia de aforro e eficiencia enerxética e traballar en novas medidas consensuadas e que dean resposta á situación enerxética actual.

 

Na reunión avaliáronse iniciativas que poidan contribuír a unha maior simplificación na tramitación dos proxectos -neste sentido en Galicia non é necesaria autorización de explotación naquelas instalacións de autoconsumo de baixa tensión, igual ou inferior a 10kW-, así como na axilización do outorgamento de axudas. A Xunta conta con convocatorias abertas por 62,6 millóns de euros para proxectos de autoconsumo e almacenamento dirixido a empresas, particulares e administracións.

 

Ademais, ambas as dúas partes comprometéronse a estreitar a colaboración a través de encontros periódicos nas que se poidan avaliar as necesidades e propostas deste sector co obxectivo de mellorar a súa implantación.

 

Con este encontro, a Xunta ratifica o seu compromiso de escoitar aos diferentes sectores para coñecer as súas reivindicacións e poder deseñar novas medidas de aforro enerxético desde o consenso e o diálogo, para que sexan realmente efectivas; colaborando así co Goberno e axudándolle a evitar os erros cometidos recentemente, onde impuxo unha serie de iniciativas sen contar coas comunidades autonómicas e cos sectores produtivos, entre eles o fotovoltaico.

Imaxes relacionadas