A Xunta promoverá os produtos de calidade do agro galego no Festival da Luz en Boimorto

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, programou para este evento unha serie de actividades e degustacións de produtos galegos con indicativo de calidade para todos os públicos

As actividades desenvolveranse esta fin de semana e incluirán obradoiros, catas e degustacións, así como un concurso infantil co obxectivo de dar a coñecer os produtos galegos con indicativo de calidade
 

 Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2022 A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, estará presente e apoiará a celebración do Festival da Luz, que se celebra esta fin de semana na localidade coruñesa de Boimorto. Nel, a Axencia levará a cabo unha serie de accións co obxectivo de promover os produtos gastronómicos con indicativo de calidade procedentes do agro da nosa comunidade.

Así, no marco deste festival desenvolveranse unha serie de catas, degustacións e obradoiros co obxectivo de dar a coñecer todo tipo de produtos. O primeiro destes dous días, desenvolveranse actividades relacionadas con Ternera Gallega, Pan Galego, diferentes denominacións de orixe vitivinícolas como Ribeira Sacra, Monterrei e Rías Baixas; os queixos con denominación de orixe protexida Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro e diferentes produtos con certificación ecolóxica. A xornada finalizará cunha queimada nocturna, que será preparada por persoal do consello regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Pola súa parte, o domingo comezará coa repetición do obradoiro sobre os queixos galegos con denominación de orixe, seguida dunha degustación de viños das denominacións de orixe Ribeiro e Valdeorras a cargo de persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Pola tarde haberá un concurso infantil co obxectivo de dar a coñecer os produtos galegos con indicativo de calidade, unha actividade con produtos ecolóxicos dirixida por persoal do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e un obradoiro de Mel de Galicia, que incluirá un sorteo de agasallos.

Mediante estas actividades, a Xunta busca promover e impulsar aínda máis o crecemento destes produtos entre os asistentes ao festival. Isto, nun eido (o agroalimentario) no que Galicia é referente a nivel nacional e internacional.

Imaxes relacionadas