A Xunta convoca a IV edición do Premio aos Empregados Públicos Innovadores para recoñecer o traballo a prol dunha administración máis eficiente

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria deste certame ao que pode presentarse o persoal ao servizo da Administración pública autonómica, as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e as universidades públicas

O galardón conta con dúas categorías -identificación de oportunidades e proxecto coa temática máis innovadora-, está dotado con 2000€ para as iniciativas individuais e 3000€ para as grupais e as candidaturas poderán presentarse ata o 30 de setembro

En edicións anteriores deste premio recoñecéronse traballos como un software para facer teatro inclusivo, unha aplicación móbil para mellorar o labor de inspección e control dos produtos á venda ou un proxecto centrado na xestión avanzada dos recursos hídricos galegos

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases e convocatoria da cuarta edición do Premio Empregados/as Públicos/as Innovadores/as. Convocado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, o obxectivo do premio é recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal empregado público que fai posible unha Administración autonómica máis eficiente, moderna e innovadora capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía.

 

Esta actuación enmárcase no impulso á compra pública de innovación (CPI) no seo da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo consolidar a Comunidade como un referente no emprego deste instrumento que fomenta a innovación a través da contratación pública. A esta actuación, súmanse outras de formación do persoal da Xunta de Galicia e doutras Administracións públicas no uso desta ferramenta para contar con organizacións públicas innovadoras orientadas aos usuarios e capaces de anticiparse ao mercado.

 

Bases do premio

Poderá presentarse a este certame todo o persoal funcionario e laboral ao servizo das seguintes entidades do sector público autonómico: a Administración Xeral da Comunidade Autónoma, as entidades públicas instrumentais (organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos), así como as universidades públicas galegas.

 

O certame consta de dúas categorías: identificación de oportunidades ou retos de innovación dentro da Administración, na que se deberá identificar unha problemática nun servizo prestado á cidadanía e motivar a necesidade e interese da súa resolución; e proxecto coa temática máis innovadora xa realizado ou en curso, na que os participantes deberán describir o proxecto (proceso, puntos fundamentais e carácter innovador). Os galardóns están dotados con 2000 euros para quen gañe individualmente e 3000 euros para quen gañe cunha candidatura grupal de ata 3 persoas.

 

O xurado terá en conta, na primeira categoría, o interese e relevancia da oportunidade identificada, o impacto sobre a contorna e efecto dinamizador, a posibilidade de levala á práctica e a orixinalidade na presentación da proposta. Pola súa parte, na segunda categoría, o comité valorará os avances substanciais do proxecto fronte a outras posibles solucións, o seu impacto sobre o escenario actual, a calidade, capacidade e compromiso do equipo promotor, a súa replicabilidade e a orixinalidade na presentación do proxecto. As candidaturas deberán presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ata o 30 de setembro.

 

Premiados en edicións anteriores

Na última edición, a de 2021, premiouse un traballo para a mellora na eficiencia do sistema educativo galego co emprego de sistemas de intelixencia artificial ,así como un software para realizar un teatro máis inclusivo. No ano 2020 resultaron premiados un proxecto do Laboratorio de Consumo de Galicia para o desenvolvemento dunha aplicación móbil para mellorar o labor de inspección e control dos produtos á venda no mercado e unha iniciativa de Augas de Galicia centrada na xestión avanzada dos recursos hídricos galegos. Na primeira edición, en 2019, resultaron premiados proxectos centrados no uso de coches compartidos na Administración autonómica; a utilización de impresión 3D no Laboratorio de Consumo e un sistema de mellora de procesos e fluxos administrativos da Universidade de Santiago de Compostela.