O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo esta mañá unha reunión telemática cos representantes dos municipios de Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas para tratar a evolución da situación de “prealerta por escaseza” de auga declarada a semana pasada

A Xunta insta aos concellos da bacía do río Grande a intensificar as medidas de control e contención no consumo da auga para preservar o abastecemento á poboación

Os rexistros dos caudais circulantes do río Grande baixan nun 50%, con respecto á media dos últimos 10 anos nesta mesma época do ano

A Xunta insiste na importancia de que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen os usos de auga menos prioritarios e tomen as medidas que consideren necesarias para a contención e redución da demanda

Incide na responsabilidade de todos e reitera a necesidade da anticipación e planificación dos concellos, coñecer a súa rede de abastecemento, e traslada a recomendación aos mesmos de realizar plans municipais de emerxencia fronte á seca

A Xunta leva investido nos últimos anos 1,3M€ en axudas para que os municipios se doten do seu propio plan de emerxencia fronte á seca, o que ten propiciado que 104 concellos dispoñan deles, 46 pertencentes á demarcación Galicia-Costa

Tamén promoveu axudas para a instalación de caudalímetros e para a realización de auditorías, e a Lei de mellora do ciclo integral da auga, que entrará en vigor o 1 de setembro para apoiar aos municipios na xestión dos seus servizos de abastecemento, saneamento e depuración

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2022

A Xunta instou hoxe aos concellos que se abastecen da bacía de río Grande e dos ríos que desembocan na ría de Camariñas e na costa de Camariñas e na costa de Cabana, Laxe e Muxía a intensificar as medidas de control e de moderación no consumo da auga para preservar o abastecemento á poboación ante a situación de “prealerta por escaseza”.

 

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo esta mañá un encontro telemático con representantes dos municipios de Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas para tratar conxuntamente as medidas que deben adoptar fixadas no Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa para o estado de “prealerta por escaseza” de auga, declarada a finais da pasada semana pola Oficina Técnica da Seca nesta conca.

 

Gonzalo Mosqueira deu conta da situación dos caudais circulantes rexistrados actualmente nesta bacía. Na estación de aforo de referencia situada no río Grande rexistráronse valores de 0,98 m3/s en promedio durante o último mes, mentres que a media histórica se sitúa en 1,95m3/s. É dicir un 50 inferiores.

 

No encontro, Augas de Galicia solicitou aos concellos a remisión de información periódica sobre os seus datos de consumo para poder analizar a evolución e comparalos coa dos caudais dos propios ríos, para poder realizar a mellor xestión dos recursos dispoñibles. Pediuse tamén información sobre as medidas que xa se estaban a adoptar e as que prevén tomar ante a situación actual e en caso de empeoramento, co obxectivo de dar un seguimento detallado e coordinado da situación.

 

Desde a entidade hidráulica da Xunta incidiuse na importancia de que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen aqueles usos de auga menos prioritarios que se poidan realizar nos seus termos municipais e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda.

 

Pola súa parte, os concellos presentaron a situación específica dos abastecementos que xestionan.

 

A Xunta está a manter un permanente contacto cos concellos, poñendo o acento na importancia das medidas de concienciación á cidadanía e de preparación ante outros escenarios máis complexos, como a alerta ou a emerxencia.

 

No encontro apelouse á responsabilidade de todos para afrontar en boas condicións situacións deste tipo, nas que se require de anticipación e planificación: os concellos deben coñecer a súa rede de abastecemento, localizando posibles perdas coa realización de auditorías; e prever posibles alternativas en previsión da posibilidade de empeoramento da situación.

 

Tamén se recomendou a realización de plans de emerxencia, aínda que nestes concellos por poboación no sexa obrigatorio telos. A Xunta leva investido nos últimos anos 1,3M€ en axudas para que os concellos se dotasen do seu propio plan de emerxencia fronte á seca, o que favoreceu que un total de 104 municipios dispoñan deles, 46 pertencentes á demarcación Galicia-Costa, a conca de responsabilidade autonómica.

 

Tamén, nestes últimos anos, a Xunta promoveu axudas para a instalación de caudalímetros e para a realización de auditorías, e impulsou a Lei de mellora do ciclo integral da auga, co obxectivo último de apoiar aos municipios na xestión dos seus servizos de abastecemento, saneamento e depuración. A Lei entrará en vigor o próximo 1 de setembro.

 

A Xunta reitera o chamamento a toda a sociedade para realizar un uso responsable da auga, aplicando medidas de contención e aforro, evitando calquera uso que non sexa estritamente imprescindible. Con isto, non só se evita consumir reservas que poden ser necesarias nas vindeiras semanas se a situación continúa, senón tamén un maior deterioro dos ecosistemas fluviais que este ano están a asumir un alto estrés hídrico debido á seca.

Imaxes relacionadas