O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o colexio CEIP de Frións, no que se están a rematar obras de rehabilitación integral

A Xunta oferta máis de 100 novas prazas en seis proxectos de FP Dual na comarca de Barbanza, con catro títulos totalmente novos e dous que se amplían

Román Rodríguez destaca o incremento da oferta na zona desta modalidade “que é unha gran oportunidade para os alumnos, porque ten unha empregabilidade practicamente do 100%”

A intervención no colexio de Frións redundará nun aforro enerxético medio do 43% e enmárcase “no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para acadar un novo modelo de centros escolares na etapa poscovid”

Cun orzamento total de máis de 650.000€, acometeuse a substitución da cuberta e instalouse illamento térmico polo exterior

Tamén se renovaron as fiestras, persianas e colocáronse luminarias led de alta eficiencia enerxética

De forma complementaria, reordenáronse varios espazos no centro, o que permite ampliar as prazas do comedor e crear unha aula polivalente
 

Ribeira (A Coruña), 25 de agosto de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o colexio CEIP Plurilingüe de Frións para comprobar o resultado das obras de rehabilitación integral acometidas no centro, nas que a Xunta de Galicia inviste máis de 650.000€. Desde o ano 2009 o investimento en obras nos centros do concello de Ribeira ascende a máis de 3M€.

No transcurso da visita, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou o incremento da oferta de FP nesta comarca, “con 100 novas prazas en seis proxectos de FP Dual na comarca de Barbanza, catro deles novos na zona”. “Estamos a falar de prazas nunha modalidade que é unha gran oportunidade para os alumnos –salientou o conselleiro–porque ten unha taxa de empregabilidade practicamente do 100%”. Son moi boas tamén para os sectores produtivos –engadiu– porque se van a dotar de profesionais ben formados en base ás demandas e ás características laborais ou profesionais das empresas que colaboran coa FP Dual”.

Este verán abriuse matrícula en cinco proxectos de FP Dual no Centro Integrado de FP Coroso, en concreto nos novos ciclos medio en Obras de interior, decoración e rehabilitación e superiores en Mantemento de instalacións térmicas e de fluídos e en Procesos e calidade na industria alimentaria. Tamén se abriu un novo grupo no proxecto de grao medio en Elaboración de produtos alimentarios e no de grao superior en Automoción. No caso do instituto IES Leliadoura implántase o ciclo superior en Administración e finanzas, tamén en modalidade Dual.

Aforro enerxético medio do 43%


No que se refire á obra no CEIP de Frións, tal e como explicou o conselleiro, “neste momento a actuación está executada ao 95%, polo que os traballos que faltan estarán rematados antes do inicio do curso”. “Con esta obra seguimos avanzando nos obxectivos do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para acadar un novo modelo de centros escolares na etapa poscovid, máis confortables, máis saudables e máis sostibles desde o punto de vista ambiental”, salientou.

No referido á intervención no colexio de Frións, Román Rodríguez explicou que se dividiu en dúas partes. “A primeira delas estivo centrada na eficiencia enerxética, co fin de acadar un aforro medio do 43%. Esta á unha das nosas áreas prioritarias de actuación, na que levamos investido máis de 112M€ desde 2017. De feito o 40% do orzamento total do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica está destinado a este fin”, sinalou.

Para lograr o devandito aforro enerxético acometeuse a substitución da cuberta existente por panel sandwich de dobre chapa de aceiro con illante intermedio e instalouse sistema de illamento térmico polo exterior (SATE). Ademais, renováronse as fiestras por unhas novas de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, incluíndo as persianas, e colocáronse luminarias de alta eficiencia enerxética, tipo LED, con equipos de regulación multisensor en aulas e detectores de presenza en zonas de circulación e aseos.

A segunda parte da intervención contempla a instalación de falso teito acústico de lá de roca, en aulas, distribuidores e zonas comúns, agás nos aseos e almacéns, onde se opta por placas de cartón-xeso con acabado vinílico.

Así mesmo, amplíase a sala de profesores e o departamento de dirección e reordénanse varios espazos do centro, recolocando o comedor na antiga casa do conserxe para ampliar as prazas. Ao mesmo tempo, no antigo local de comedor sitúanse agora os almacéns, o que permite crear no espazo que ocupaban unha aula polivalente.

 

Imaxes relacionadas