A Xunta recibe 9 ofertas para executar a primeira fase do acondicionamento da estrada Pontevedra-Marín, na vía da Estribela, cun investimento de case 950.000€

O obxectivo desta actuación é que a PO-546 en Estribela sexa máis segura para os peóns

Realizarase unha transformación integral nun treito de 500 metros no que se ampliarán as beirarrúas dotándoas dun ancho mínimo de 2 metros para favorecer os desprazamentos a pé e asegurar a accesibilidade

Para facer compatible a humanización da vía co mantemento do dobre sentido da circulación será necesario ampliar a plataforma con estruturas de distintos tipos: desde un voadizo, a recheos e muros de contención

Habilitaranse 3 pasos de peóns sobreelevados con iluminación específica e sistema intelixente de detección e melloraranse as paradas de autobús con novos refuxios

Esta intervención é a 1ª fase dun proxecto máis amplo no que a Xunta investirá 7 M€ e que continuará na zona entre Mollabao e Os Praceres e nun novo treito entre Estribela e Marín, ademais de na zona pendente da rúa Concepción Arenal deste municipio
 

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2022.-

A Xunta recibiu un total de 9 ofertas para executar a primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546 (Pontevedra-Marín), na vía da Estribela.

A actuación supón un investimento autonómico de case 950.000 euros e prevese que estea completada no 2023, xa que ten un prazo de execución de 12 meses.

O obxectivo principal das actuacións é garantir desprazamentos sen riscos na zona e que os peóns teñan máis protagonismo que os vehículos e se garanta a súa seguridade.

Acometerase unha transformación integral coa reurbanización dun treito de 500 metros, no que se modificará a sección transversal para poder ampliar as beirarrúas e dotalas dun ancho mínimo de 2 metros, de forma que se favorezan os desprazamentos a pé e se asegure a accesibilidade.

Preténdese facer compatible a humanización da vía co mantemento do dobre sentido de circulación, tendo en conta o pouco espazo dispoñible. Por iso, a ampliación da plataforma farase con estruturas de distintos tipos, desde un voadizo a recheos e muros de contención, demolendo unhas edificacións que están en ruínas.

Ademais, para conseguir o calmado de tráfico e a seguridade viaria, instalaranse tres pasos de peóns sobreelevados que contarán con iluminación específica e cun sistema intelixente que detecte ao peón nas inmediacións e active a sinalización.

Tamén se mellorarán as paradas de autobús, coa disposición de novos refuxios e renovarase a iluminación da vía, ademais do fresado e estendido unha nova capa de firme, a reposición da drenaxe e dos servizos afectados e a sinalización horizontal e vertical.

Esta intervención contará con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia do programa Next Generation UE de mobilidade sostible.

Así, o vindeiro ano a Xunta culminará o acondicionamento e mellora da seguridade viaria en Estribela, co que comezará a transformación da estrada Marín-Pontevedra nun eixe de mobilidade sostible.

Estas obras forman parte dun proxecto máis amplo, unha intervención no conxunto da vía coa que se promove unha mobilidade máis saudable, sostible e segura, tanto a pé como en bicicleta.

En total, a Xunta investirá 7 millóns de euros para a transformación da PO-546, que continuará entre Mollabao e Os Praceres e seguirá cun novo treito entre Estribela e o límite con Marín, ademais da zona pendente de mellora da rúa Concepción Arenal, tamén en Marín. Estes proxectos, sobre os que xa se están a traballar, someteranse a información pública no outono.