A Xunta ofrece 1.300 consultas gratuítas de audioloxía, podoloxía e memoria en Deza e Tabeirós-Montes co programa Coidados Porta a Porta

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou deste servizo de proximidade para os oitos concellos das bisbarras na chegada dunha unidade móbil a Forcarei, onde permanecerá ata o luns 29

Este servizo da Consellería de Política Social e Xuventude despregarase en Lalín, A Estrada e Forcarei durante este mes de agosto e nos outros cinco concellos dezaos en outubro na primeira quenda das tres que ten programadas por cada municipio ata finais do vindeiro ano 2023

As consultas están dirixidas a persoas maiores de 55 anos, que deben pedir unha cita previa a través dos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992 ou do enderezo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal
 

Forcarei (Pontevedra), 25 de agosto de 2022.-

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, ofrece 1.300 consultas gratuítas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria nos oito concellos das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes a través do servizo itinerante Coidados Porta a Porta, que achegará a súa unidade móbil a esta zona do interior da provincia de Pontevedra no presente agosto e o vindeiro mes de outubro.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá deste programa de proximidade para estas comarcas na chegada dunha unidade móbil ao concello de Forcarei, onde permanecerá ata o luns 29. Na súa visita estivo acompañado polo responsable deste operativo, Valentín Calvín, e pola deputada autonómica Belén Cachafeiro.

 

Este servizo da Consellería de Política Social e Xuventude despregarase ao longo do mes de agosto polos municipios da Estrada (días 19, 22 e 23), Lalín (24, 25, 26 e 29) e Forcarei (25, 26 e 29) e retornará á comarca dezá no mes de outubro para completar o seu percorrido por Dozón (7, 10, 11 e 13), Vila de Cruces (13, 14, 17 e 18), Rodeiro (14, 17 e 18), Silleda (19, 20 e 21) e Agolada (19, 20 e 21). Estas datas, 27 para estas dúas bisbarras, correspóndense coa primeira quenda de cada municipio das tres que hai programadas para cada un deles ata finais do vindeiro ano 2023.

 

A unidade móbil de Coidados Porta a Porta estará aberta, nas datas sinaladas, entre as 9.00 e as 20.00 horas ofertando unhas vinte consultas diarias nos servizos de audioloxía e podoloxía, respectivamente, e oito de psicoloxía para cuestións vencelladas á memoria e a saúde mental.

 

Os servizos, todos eles gratuítos, están orientados a persoas maiores de 55 anos que deben solicitar a súa cita previamente a través dos números de teléfono 622 748 283 e 623 546 992 ou do enderezo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal. Ademais, as persoas interesadas tamén poderán recabar información a través dos seus concellos no marco da política de colaboración establecida con eles por parte da Xunta para afondar na proximidade desta atención.

 

“Ata a data atendéronse case 15.000 consultas en toda Galicia e preto de 4.000 na provincia de Pontevedra, o que demostra o éxito dunha iniciativa que leva practicamente á porta da casa unha atención de primeiro nivel. Loxicamente, as bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, que son os máis envellecidas da nosa provincia, vanse beneficiar moito dunha iniciativa que estará activa durante 27 xornadas ao longo das vindeiras semanas nos oito concellos, polo que quero convidar aos cidadáns a que aproveiten esta oportunidade para mellorar a súa calidade de vida”, manifestou o delegado territorial.

Imaxes relacionadas