O director xeral de Cultura asiste á inauguración da Feira do Libro de Monforte de Lemos

As feiras do libro pechan a edición de 2022 cun incremento no número de vendas e participantes

O circuíto impulsado polo Goberno galego e a Federación de Librarías de Galicia involucrou a un total de 90 librarías, un 26% máis que o pasado ano

As primeiras estimacións apuntan a que o volume de vendas creceu máis dun 5%

“Estamos nun gran momento para a literatura e estas cifras demostran o compromiso dos galegos coa lectura e co sector do libro”, salientou Anxo M. Lorenzo

O calendario de 2022 chega ao seu fin en Monforte de Lemos, onde permanecerá ata o sábado 27 cunha trintena de actividades entre as que se inclúen sinaturas de libros, actuacións infantís e presentacións
 

Monforte de Lemos (Lugo), 24 de agosto de 2022.-

O circuíto das Feiras do Libro impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia experimentou este ano un incremento tanto nas vendas como no número de librarías participantes nos eventos. Así o destacou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, durante a inauguración da Feira do Libro de Monforte de Lemos, a última do calendario de 2022.

 

No transcurso do acto celebrado na rúa do Cardeal, onde as casetas permanecerán ata o sábado 27, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades explicou que as citas deste ano involucraron a un total de 90 librarías, o que supón un incremento do 26% en relación ao pasado ano. “Ademais de contar cunha maior participación, as primeiras estimacións apuntan a que o volume de vendas acadado no conxunto destas citas tamén creceu máis dun 5% con respecto ao exercicio pasado, o que demostra que estamos nun gran momento para a literatura e o compromiso dos galegos coa lectura e o sector do libro”, salientou.

 

En total, o circuíto de Feiras do Libro está composto por 13 paradas que inclúen preto de 900 actividades como sinaturas de libros, actividades infantís e presentacións, entre outras, que tiveron lugar nas máis de 130 casetas instaladas nas rúas de diferentes puntos de Galicia. No caso de Monforte de Lemos o programa de actividades comeza hoxe con Moncha Prieto como pregoeira e chegará ata o sábado 27 cunha trintena de iniciativas e a participación das librarías Agrasar, Cortizas e da Proencia.

 

Políticas públicas de apoio

O apoio a estas feiras enmárcase no compromiso do Goberno galego ao sector a través de distintas liñas específicas de axudas para impulsar a dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, tradución de obras, adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais que superan os 2M€. Ademais, retomouse a promoción exterior das letras galegas a través da participación en festivais e feiras internacionais como a de Bos Aires ou iniciativas como as residencias literarias de intercambio profesional, entre outras.

 

A de Monforte de Lemos pon o broche final a un circuíto que ao longo dos últimos meses pasou por Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Vilalba, Ourense, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro e Foz.