O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo hoxe unha reunión telemática cos representantes dos municipios desta conca e dos ríos que desembocan na ría de Muros-Noia para avaliar a evolución da situación de “prealerta por escaseza” de auga declarada a semana pasada

A Xunta traslada aos concellos da bacía do Tambre a necesidade de incrementar a contención e o aforro no consumo da auga para garantir o abastecemento á poboación

A situación do caudal medio do río Tambre rexistrou no último mes valores promedios un 20% inferiores á media histórica

Os concellos afectados pola nova situación son: Santiago, Ames, A Baña, Brión, Cerceda, Frades, Lousame, Mesía, Muros, Negreira, Noia, O Pino, Ordes, Oroso, Outes, Porto do Son, Rois, Tordoia, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar

A Xunta insiste na necesidade de reducir o gasto de auga e insta aos Concellos a afondar nas medidas de aforro para conter o consumo

Abórdase a posibilidade de utilizar a auga do encoro de Vilagudín construído para facer fronte ás necesidades de auga da central de Meirama, estudando agora a Xunta a posibilidade de utilizar a auga dispoñible como reserva en caso de necesidade

Apela á responsabilidade de todos e incide na anticipación e planificación dos concellos, que deben dotarse de plans municipais de emerxencia fronte á seca, coñecer a súa rede de abastecemento, e realizar unha xestión profesionalizada da auga

Grazas ás axudas da Xunta, 104 municipios dispoñen de plans fronte á seca, 46 deles na demarcación Galicia-Costa

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2022

A Xunta trasladou hoxe aos concellos que se abastecen do Tambre e dos ríos que desembocan na ría de Muros-Noia a necesidade de intensificar a contención e o aforro no consumo da auga para garantir o abastecemento á poboación ante a situación de “prealerta por escaseza” declarada a finais da pasada semana pola Oficina Técnica da Seca nesta conca.

 

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo esta mañá un encontro telemático con representantes dos 21 municipios dependentes deste sistema de explotación para abordar conxuntamente as medidas que deben adoptar os municipios afectados, fixadas no Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa para o estado de “prealerta por escaseza” de auga.

 

Dende Augas se fixo fincapé na necesidade de conter o máximo posible os consumos municipais prescindibles e os concellos aos que afecta son, concretamente, os de Santiago de Compostela, Ames, A Baña, Brión, Cerceda, Frades, Lousame, Mesía, Muros, Negreira, Noia, O Pino, Ordes, Oroso, Outes, Porto do Son, Rois, Tordoia, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar.

 

Gonzalo Mosqueira informou da situación dos caudais circulantes rexistrados actualmente na conca do río Tambre. Na estación de aforo de referencia situada no Tambre rexistráronse valores de 3.61 m3/s en promedio durante o último mes, mentres que a media histórica se sitúa en 4.5m3/s. É dicir un 20% inferiores.

 

Na reunión tamén se fixo incidencia na necesidade de que todos os concellos remitan información periódica sobre os seus datos de consumo, para poder analizar a evolución dos mesmos e comparala coa dos caudais dos propios ríos, co obxectivo de realizar a mellor xestión dos recursos dispoñibles.

 

No encontro cada concello tivo oportunidade de comentar a súa situación particular constatándose a diversidade de situación existentes.

 

Ademais tratouse a posibilidade de utilizar a auga do encoro de Vilagudín no caso de empeoramento da situación. Este encoro situado na parte alta da bacía, foi construído para facer fronte as necesidade de auga da central de Meirama e agora a Xunta está a avaliar a posibilidade de utilizar a auga dispoñible nel como reserva, en caso de ser necesaria para garantir os abastecementos dos concellos que captan augas abaixo deste punto.

 

O xerente de Augas de Galicia incidiu na importancia de que os concellos analicen aqueles usos da auga menos prioritarios que se poidan realizar nos seus termos municipais, e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda, evitando usos innecesarios, para garantir o abastecemento á poboación e o mantemento do caudal ecolóxico dos ríos.

 

Na xuntanza reiterouse a importancia das medidas de concienciación á cidadanía e incidiuse no valor da planificación por parte dos concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, á hora de predefinir as medidas e alternativas de abastecemento ante outros escenarios máis complexos, como a alerta ou a emerxencia.

 

A Xunta fai un chamamento á responsabilidade de todos, e lembra que, ademais, para afrontar en boas condicións situacións deste tipo se require de anticipación e planificación: os concellos deben dotarse de plans de emerxencia fronte á seca; coñecer a súa rede de abastecemento, localizando posibles perdas coa realización de auditorías; e acadar unha xestión máis profesionalizada da auga. A este respecto cabe destacar que 8 dos concellos convocados teñen elaborados recentemente os seus plans de seca, 7 deles grazas as axudas da Xunta.

 

Nos últimos anos a Xunta convocou axudas para que os concellos se dotasen do seu propio plan de emerxencia fronte á seca, promoveu axudas para a instalación de caudalímetros e para a realización de auditorías, e impulsou a Lei de mellora do ciclo integral da auga, que entrará en vigor o próximo 1 de setembro e que ten como obxectivo último apoiar aos municipios na xestión dos seus servizos de abastecemento, saneamento e depuración.

 

Grazas ás axudas da Xunta dos últimos anos, un total de 104 concellos dispoñen de plans municipais de emerxencia fronte á seca, 46 deles na demarcación Galicia-Costa, a conca de responsabilidade autonómica.

 

Desde a entidade hidráulica da Xunta reiterouse o chamamento ao consumo responsable da auga e á aplicación de medidas de contención e aforro, evitando calquera uso que non sexa estritamente imprescindible. Tamén se incidiu na necesidade de sumar esforzos os cidadáns, as empresas e as administracións, activando medidas como a restrición de regas, evitar o lavado innecesario dos coches, limitar o enchido das piscinas ou reutilizar esa auga para outros usos, entre outras.

Imaxes relacionadas