O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visita o resultado dos traballos no colexio CEIP Cabada Vázquez da na Estrada

A Xunta destina máis de 6M € a 17 obras en centros educativos da comarca de Deza-Tabeirós este 2022

As actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que centra o 40% do seu orzamento en intervencións para a mellora da eficiencia enerxética

No Cabada Vázquez renovouse a carpintería exterior e parte das luminarias, cun orzamento de case 150.000€
 

A Estrada (Pontevedra), 24 de agosto de 2022.-

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia destina este ano 2022 máis de 6 M€ a unha quincena de obras en centros educativos da comarca de Deza-Tabeirós. Fíxoo no marco dunha visita aos traballos que a Xunta de Galicia acaba de acometer para mellorar a carpintería exterior e parte das luminarias do colexio CEIP Cabada Vázquez da Estrada.

 

Durante a visita ao centro, o responsable autonómico de Educación salientou que o obxectivo destas intervencións é continuar “a renovación dos edificios do sistema educativo galego ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para seguir adaptándoos ás necesidades do século XXI”.

 

Neste senso, Román Rodríguez explicou que unha das prioridades do plan é mellorar a eficiencia enerxética dos colexios e institutos. “De feito, do total de 191 M€ deste plan, o 40% está destinado a actuacións de sustentabilidade e eficiencia enerxética”, afirmou antes de precisar que se trata dunha achega de 77,5 M€. Así mesmo, lembrou que a Xunta leva investidos máis de 112M€ desde 2017 en obras de eficiencia enerxética nos centros educativos, o que supón un aforro enerxético medio do 45%, tanto en kwh/m2 como en emisións de CO2.

 

No caso concreto do colexio Cabada Vázquez a actuación tivo por obxectivo renovar a carpintaría exterior do centro, buscando unha mellora da eficiencia enerxética, seguridade e confort dos actuais cerramentos. Tamén se realizaron cambios na iluminación da planta primeira, substituíndo as luminarias actuais por paneis LED, incluíndo a substitución do falso teito da mesma planta. O orzamento da intervención acada case os 150.000€.

 

No concello da Estrada, ademais desta actuación, actualmente a Administración autonómica tamén traballa en distintas fases no colexio CEIP de Figueiroa e nos institutos IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez, IES Manuel García Barros e IES Nº1.

 

No resto da comarca estase actuando nos institutos IES Cotobade de Cerdedo-Cotobade, IES Chano Piñeiro de Forcarei, IES Ramón María Aller de Lalín e IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda e nos colexios CEIP Xesús Golmar e CEIP Xoaquín Loriga de Lalín e CEIP Nosa Señora das Dores e CEIP de Soutelo de Montes, de Forcarei.

 

Ademais, está previsto licitar novas intervencións nos vindeiros meses no colexio de Dozón, e no colexio CEIP Ramón de Valenzuela de Silleda.

Imaxes relacionadas