A Xunta remata unha senda peonil en Xesteira, no concello de Cerdedo-Cotobade, para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-233

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde, Jorge Cubela, supervisaron o novo itinerario seguro deste lugar da parroquia de Almofrei, que ten unha lonxitude de 280 metros e supuxo un investimento de 48.000€

A actuación consistiu na construción dunha senda de formigón en cor terrizo cunha anchura de dous metros e outras obras complementarias, como a canalización subterránea da drenaxe, a colocación dunha varanda metálica e a reubicación dunha marquesiña e dos contedores do lixo

“Esta zona, moi transitada pola veciñanza, precisaba desta solución para corrixir certos problemas de visibilidade no arcén e dende a Xunta acometémola no marco do noso proxecto de incremento da seguridade viaria da rede autonómica”, detallou Luis López

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 24 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de rematar as obras de construción dunha senda peonil en Xesteira, no Concello de Cerdedo-Cotobade, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria da estrada autonómica PO-233 (Ponte Bora-Carballedo) ao seu paso por este núcleo rural.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, supervisaron esta mañá o resultado desta actuación, consistente na construción dun itinerario seguro de 280 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 5+630 e 5+910 desta vía cun investimento de 48.000 euros.

 

“Esta zona da parroquia cotobadesa de Almofrei é moi transitada pola veciñanza para desprazarse entre as vivendas, achegarse ata Arrotea e Borela ou acudir á praia fluvial, polo que precisaba desta solución para corrixir certos problemas de visibilidade no arcén e outorgar máis seguridade aos peóns. Así, dende a Xunta acometémola no marco do noso proxecto global de incremento da seguridade viaria da rede autonómica que, nesta comarca, tamén está a beneficiar con moita intensidade a outros treitos dos municipios de Pontevedra, Marín, Bueu, Poio ou A Lama, entre outros”, detallou o representante galego.

 

A actuación consistiu na construción dunha senda en formigón coreado en terrizo na marxe esquerda da estrada PO-233 cunha anchura mínima de dous metros sobre unha capa de 16 centímetros de groso que se completou cun bordiño elevado dez centímetros sobre a plataforma da calzada.

 

Así mesmo, procedeuse á instalación dunha varanda metálica para evitar caídas laterais dos peóns e acometeuse un importante cambio na drenaxe de pluviais que, ata a data, estaba ao descuberto e que foi ocupada para a construción desta beirarrúa. Como consecuencia delo, realizouse unha canalización subterránea que tamén contemplou os correspondente sumidoiros e pozos de rexistro.

 

Finalmente, o proxecto tamén incluiu o traslado e reubicación da marquesiña da parada de autobús e dos contedores de recollida do lixo, o retranqueo dun espello de seguridade para facilitar a saída de vehículos dun cruce anexo e o repintado completo das marcas viarias.

Imaxes relacionadas