A Xunta vai investir 427.000 € para rematar as obras das concentracións parcelarias de Nigoi-Arca, Codeseda e Monte Val do Vea, no Concello da Estrada

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, mantivo unha reunión informativa co alcalde, José López, para informar deste investimento, que permitirá finalizar tres procesos que roldan as 2.000 hectáreas e benefician a 2.005 propietarios

O Goberno galego unificou as obras pendentes destes tres procedementos nun só proxecto para axilizar o remate dos traballos para a posterior emisión dos títulos de propiedade e agarda comezar as obras neste mes de setembro co obxectivo de rematalas no prazo dun ano

En Arca-Nigoi procederase á mellora de camiños executados, acondicionamento de predios, condución de pluviais, peches, ensanches, saneos e colocación de marcos, mentres que en Codeseda retiraranse cordóns de terra, construiranse ramplas de acceso e prepararanse camiños

No sector II da zona de Monte de Val do Vea acometeranse entradas en 125 predios, procederase á apertura de catro camiños e replantearanse 150 marcos

A Estrada, 23 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vai investir 427.000 euros en diversas obras para rematar a configuración física dos procedementos de concentración parcelaria de Arca-Nigoi, Codeseda e Monte Val do Vea-sector II, todos eles emprazados no Concello da Estrada.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou deste investimento, solicitado polo Concello, nunha visita ao municipio xunto ao alcalde, José López, o xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e responsables técnicos deste proxecto, que rolda conxuntamente as 2.000 hectáreas distribuídas inicialmente en 26.000 predios e que beneficia a 2.005 propietarios.

 

Estas tres zonas de concentración parcelaria, as únicas activas no municipio estradense, xa están na fase final de acordo dende que se procedera á toma de posesión provisional dos novos predios. Neste tempo, estase a traballar nas últimas modificacións e na revisión gráfica e alfanumérica para a adecuación á Lei Hipotecaria co obxectivo de outorgarlle firmeza e poder rematalas coa emisión dos títulos definitivos de propiedade.

 

Sen embargo, hai obras e amolloamentos pendentes de execución que son imprescindibles para a declaración de firmeza do acordo, polo que a Consellería do Medio Rural decidiu unificar estes traballos pendentes nun só proxecto para poder axilizar o remate dos mesmos coa redución da tramitación. O Goberno galego estima que estas obras comezarán de xeito inminente no vindeiro mes de setembro e estarán rematadas nun prazo dun ano.

Na zona de Arca-Nigoi vanse acometer algunhas melloras nos camiños executados e no acondicionamento dalguns predios, prepararanse dúas pistas con firme en formigón, actuarase na recollida e condución de pluviais e no peche de predios, realizarase algún ensanche e saneos mediante drenaxes e colocaranse 100 marcos.

 

Respecto á parcelaria de Codeseda, retiraranse cordóns de terras procedentes da apertura de camiños, construiranse ramplas de acceso en 212 parcelas, reformaranse alguns camiños existentes e dotaranse de capa de rodaxe con tripla rega asfáltica e formigonados en zonas con forte pendente e instalaranse 175 marcos.

 

Finalmente, a concentración de Monte Val do Vea-sector II rematarase coa execución de entradas a 125 predios con afección de patrimonio cultural, acometerase a apertura de catro camiños secundarios e procederase ao replanteo de 150 marcos de amolloamento.

Imaxes relacionadas