O delegado territorial da Xunta supervisa as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada OU-304 en Tixós, no concello de Baltar

Gabriel Alén explicou que a intervención, que conta cun investimento de preto de 50.000 euros, céntrase na execución de novas beirarrúas na zona e dispón dun prazo de execución de 4 meses

O obxectivo é mellorar o tránsito peonil e o acceso ás edificacións da entrada sur en Tixós e a conexión coa capitalidade municipal

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable

Ourense, 23 de agosto de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá, acompañado do alcalde, José Antonio Feijóo, as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade coa execución de novas beirarrúas na estrada OU-304 en Tixós, no concello de Baltar.

O delegado territorial explicou que a intervención, que conta cun investimento de preto de 50.000 euros, terá un prazo de execución estimado de 4 meses. Trátase segundo Gabriel Alén de mellorar o tránsito peonil e o acceso ás edificacións da entrada sur do núcleo de Tixós, na súa conexión coa capitalidade municipal, mediante a construción dunha nova beirarrúa que conecte coa existente.

Deste xeito, estase a construír unha beirarrúa entre o pk 12+630, enlazando coa beirarrúa existente da entrada do núcleo, ata o pk 12+870, onde finaliza no acceso a unha vivenda. A beirarrúa terá unha anchura de 1,60 m, segundo o espazo dispoñible e mantendo sensiblemente a beiravía existente, instalándose baldosa hidráulica sobre morteiro e soleira de formigón de 12 cm espesor cun bordo prefabricado de formigón.

Entre o pk inicial e o pk 12+770 aproximadamente estanse executando muretes de contención no exterior da beirarrúa, de altura media entre 1,0 e 1,5 m, para limitar a ocupación xa que o terreo nese tramo descende con certa pendente cara ás fincas lindeiras

Ao longo do tramo estase a instalar baixo a beirarrúa un colector de pluviais de PVC de 400mm, cos correspondentes sumidoiros e pozos para recoller a auga de escorrentía.

Dispoñerase tamén baixo a beirarrúa un prisma de iluminación con dous tubos de PE de 90 mm en previsión de futuras instalacións na zona.

As actuacións desenvólvense no dominio público da estrada, polo que non é necesaria a realización de expropiacións.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.