A Xunta remata as obras dunha senda peonil na estrada autonómica PO-252, en Pazos de Borbén

A actuación supuxo un investimento autonómico próximo aos 45.000 euros

Permite dispoñer dunha zona de circulación peonil independente do tráfico rodado na marxe dereita desta vía, entre os puntos quilométricos 10+640 e 10+845

Dá continuidade ás beirarrúas da travesía da PO-252 no núcleo de Xunqueiras

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable
 

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2022.-

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras para a execución dunha senda peonil na estrada autonómica PO-252, en Pazos de Borbén.

 

Os traballos, que supuxeron un investimento autonómico próximo aos 45.000€, centráronse na construción dun itinerario peonil pola marxe dereita da PO-252, entre os puntos quilométricos 10+640 e 10+845, porque o treito non contaba con zona de circulación peonil independente do tráfico rodado.

 

Esta actuación permitiu dar continuidade ás beirarrúas existentes na travesía da PO-252 no núcleo de Xunqueiras.

 

Executouse unha senda cun ancho mínimo de 1,8 metros, composta por unha capa de 16 centímetros de espesor de formigón cor terriza, reforzado con mallazo e bordos de formigón.

 

A elevación con respecto da calzada é 10 centímetros. Tamén se colocou pavimento táctil de botóns no vao peonil previsto.

 

Esta intervención fixo necesario realizar a escavación do terreo ata unha profundidade de 30 centímetros que, posteriormente, se encheu cunha capa do mesmo espesor. Nalgunhas zonas foi preciso proceder a un retaluzado do noiro existente na marxe.

 

Tamén se realizou unha canalización de drenaxe subterránea, formada por un colector de PVC, así como os correspondentes sumidoiros e pozos de rexistro que permitiron a evacuación óptima da auga da plataforma e das marxes.

 

Procedeuse ao retranqueo de dúas luminarias e un sinal vertical, e tamén se retirou unha reixa para conseguir o ancho proxectado da senda.

 

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.

Imaxes relacionadas