A Xunta somete a información pública o proxecto dunha senda na contorna do enlace da autovía do Salnés coa PO-504, en Sanxenxo, que suporá un investimento de máis de 178.000€

O obxectivo é habilitar un itinerario peonil de 382 metros de lonxitude que permitirá unir ambas marxes desta autovía autonómica

A nova senda partirá das beirarrúas existentes na marxe dereita do punto quilométrico 0+690 da estrada PO-504 e estenderase ata o 0+870

A actuación complementarase coa dotación de iluminación pública, canalizacións para as redes de telecomunicacións, distribución de enerxía eléctrica e iluminación pública

Esta actuación súmase ás rematadas no marco do Plan de Sendas do Salnés, que supuxeron un orzamento de 12 M€ para acadar máis de 21 km lineais de itinerarios

O Plan continúa coas obras en marcha da senda e a reparación de beirarrúas na PO-549, en Vilanova e Vilagarcía de Arousa, e coa intervención sometida a información pública para executar novos itinerarios na marxe dereita da PO-302 e PO-306, en Vilanova de Arousa

A Xunta traballa para que as vías autonómicas do Salnés sexan verdadeiros eixos de mobilidade segura e sostible, onde existen ou están a ser proxectadas itinerarios ao longo da PO-549, PO-302, PO-306 e PO-307 para camiñar entre Cambados, Vilanova, Vilagarcía e a Illa de Arousa
 

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2022.-

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto dunha senda na contorna do enlace da autovía do Salnés, a AG-41, coa estrada PO-504, no concello de Sanxenxo, cun investimento de máis de 178.000 euros.

 

O DOG tamén publica hoxe a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido, para o que será precisa 120,87 m², dos que 85,16 m² serán de ocupación definitiva e os restantes 35,71 m² serán ocupación temporal, distribuídos en 4 predios de propiedade privada e adicionalmente un predio público.

 

O obxectivo é habilitar un itinerario peonil de 382 metros de lonxitude que permitirá unir ambas marxes da autovía do Salnés, que hoxe supón unha barreira para a mobilidade dos peóns.

 

A nova senda partirá das beirarrúas existentes na marxe dereita do punto quilométrico 0+690 da estrada PO-504 e estenderase ata o 0+870. Nese punto, deixado atrás o paso inferior sobre a VG-4.1, o trazado da senda discorrerá paralelo ao pé do noiro da continuación da autovía do Salnés, para rematar na glorieta inferior do enlace.

Con esta solución evítase o paso polo enlace por dita glorieta, polo que se consegue unha maior seguridade viaria.

 

A sección mínima da senda terá un ancho medio de 2,5 metros e contará con pavimento de formigón e bordo de separación coa calzada.

 

A actuación complementarase coa dotación de iluminación pública de modo que se garanta a seguridade persoal das persoas usuarias, canalizacións para as redes de telecomunicacións, distribución de enerxía eléctrica e iluminación pública, así como a reposición de servizos afectados e a dotación de diferentes xardineiras dispostas no treito que discorre paralelo á PO-504.

 

Esta intervención súmase ás rematadas no marco do Plan de Sendas de Galicia no Salnés, que supuxeron un orzamento de máis de 12 M€ para acadar máis de 21 km lineais de itinerarios peonís.

 

Este Plan estase a continuar coa actuación que ten en marcha a Xunta da senda e a reparación de beirarrúas na estrada PO-549, nos concellos de Vilanova e de Vilagarcía de Arousa, para dar continuidade ás sendas de dita vía, cun investimento de 1,1 M€. E tamén, terá continuidade coa actuación sometida a información pública para a execución de 1,6 quilómetros de novos itinerarios na marxe dereita da PO-302 e PO-306, en Vilanova de Arousa.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a traballar para que as estradas autonómicas do Salnés sexan verdadeiros eixos de mobilidade segura e sostible tamén para peóns, para o que na actualidade existen ou están a ser proxectadas sendas ou beirarrúas ao longo da PO-549, PO-302, PO-306 e PO-307 para camiñar de modo seguro entre Cambados, Vilanova, Vilagarcía e a Illa de Arousa a través destas estradas autonómicas.

 

O período de presentación de suxestións estenderase ata o vindeiro día 4 de outubro. No seguinte enlace pódese ampliar a información: https://acortar.link/8BC8Ga