Máis de 800 persoas superaron no último ano o curso da Agasp que permite a habilitación para exercer as funcións de persoal de control de acceso

A Xunta convocou o ano pasado unha ducia de cursos de 6 horas realizados na Academia, que substitúen ás probas anuais do anterior decreto

O Goberno galego aprobou en 2021 un novo proxecto de decreto que actualiza o de 2010 para adaptar este servizo á nova realidade ampliando tamén a vixencia da habilitación de 5 a 10 anos
 

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2022.-

A Xunta, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), convocou ao longo do ano pasado unha ducia de edicións do  curso de formación de seis horas específico para o persoal de control de acceso de espectáculos públicos e de actividades recreativas que permitiu que 850 persoas obtivesen a habilitación da Xunta para exercer estas funcións.

Cómpre lembrar que en marzo do ano pasado aprobouse o novo proxecto de decreto para o regulamento da actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, así como nos establecementos ou espazos públicos nos que se leven a cabo e dispoñan deste servizo. Ao abeiro da nova norma, para obter a habilitación é preciso superar a formación específica convocada pola AGASP para os aspirantes que conten co certificado de aptitude psicolóxica.

O actual decreto actualizou a normativa vixente desde 2010 e substituíu as anteriores probas anuais por un proceso máis curto a través dun curso de seis horas convocado pola AGASP que é necesario superar para adquirir a habilitación.

Para a admisión neste curso requírese ademais achegar un certificado de aptitude psicolóxica expedido por un centro médico-psicolóxico ou persoal autorizado xunto cun certificado de antecedentes penais. Esta mesma documentación tamén se ten que presentar no momento da renovación da habilitación, cuxa vixencia pasa no novo decreto  de cinco a 10 anos.

 

Entre as funcións do persoal de acceso atópanse as de controlar a entrada das persoas ao establecemento ou espazo aberto ao público; comprobar a idade e identidade de quen pretendan acceder, en especial nos establecementos de xogo para acreditar que non figuran no Rexistro de Prohibidos de acceso ao xogo da comunidade; controlar a adquisición da entrada ou localidade; supervisar que non se exceda a capacidade máxima autorizada; impedir o acceso a persoas que incumpran as condicións específicas de admisión polos titulares dos establecementos ou espazos; vixiar que as bebidas non sexan sacadas do local; prohibir o acceso a partir do horario de peche, e incluso, se fose necesario, auxiliar as persoas que se encontren feridas e chamar ao teléfono de emerxencias correspondente.

 

Cómpre aclarar que o persoal de control de acceso non poderá asumir ou realizar máis funcións que as sinaladas nin aquelas que pertenzan ao servizo de vixilancia e seguridade. De feito, deberá informar ao persoal de vixilancia e seguridade, se o houbese, e no seu defecto, ás forzas e corpos de seguridade, das alteracións da orde que se produzan nos accesos ou no interior dos establecementos abertos ao público.

 

O Goberno galego pretende co novo decreto unha regulación máis práctica e adaptada á realidade e á normativa actual dos requisitos que debe cumprir o persoal de acceso para exercer as súas funcións. Así, simplificáronse e axilizáronse os procesos tanto para a obtención como para a renovación da habilitación, e reformulouse o temario da proba de coñecementos, incluíndo as especificidades, entre outros aspectos, dos establecementos do xogo e da normativa vixente en materia de espectáculos públicos. 

 

Por outra parte, o decreto aprobado o ano pasado inclúe como novidade a obriga de dispoñer de persoal de control de acceso habilitado en todos os establecementos abertos ao público, espectáculos públicos e actividades recreativas que teñan prohibido o acceso a menores, así como os establecementos con capacidade para máis de 500 persoas e os espectáculos públicos e actividades recreativas que se leven a cabo en recintos pechados que precisen plans de autoprotección

Imaxes relacionadas