A Xunta promove 22 actuacións en 14 concellos de Lugo na última quincena do ciclo Cultura no Camiño

Apoia a dinamización cultural dos municipios polos que transcorren as rutas xacobeas asumindo o 50% do investimento de cada espectáculo

Desde mediados de xullo celebráronse 61 actividades na provincia no marco da décima edición deste programa, que remata o 10 de setembro en Lourenzá

 

Lugo, 23 de agosto de 2022.-

Un total de 22 actuacións terán lugar en 14 municipios lucenses nas vindeiras dúas semanas no marco do ciclo Cultura no Camiño, organizado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades xunto cos concellos participantes.

 

A iniciativa pretende fomentar a contratación de bandas de música e de formacións escénicas e dinamizar culturalmente os municipios polos que transitan as diferentes rutas xacobeas. Desde que comezou a súa andaina, a mediados de xullo, celebráronse xa na provincia 61 actividades nunha vintena de localidades.

 

A Xunta contribúe ás contratacións das diferentes formacións artísticas levadas a cabo polas entidades locais asumindo o 50% do investimento necesario para afrontar os gastos de cada espectáculo programado en concellos de menos de 20.000 habitantes.

 

A programación encarou este luns a quincena final con actuacións do mago Dani García en Barreiros e a música da charanga Bicoia en Guitiriz. Durante esta semana haberá tamén novo circo, o día 25 na Pobra de Brollón, a cargo de Pistacatro, o día 26 en Chantada con Especialistas Hípica Celta. O mesmo día Fran Rei representa Superheroe en Escairón (O Saviñao) e Avelino González Contos de Contrabando en Palas de Rei.

 

A programación continúa, con circo, maxia, música e teatro, ata o día 10 de setembro, data na que Jamila Purofilin clausurará esta edición na provincia cun concerto no Espazo Multiusos de Vilanova de Lourenzá.

 

Todo o calendario actualizado de actividade de Cultura do Camiño pódese consultar na Axenda de Cultura de Galicia e na web da Axencia Galega das Industrias Culturais.