Esta intervención é a primeira das 39 novas actuacións que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executará este ano nas rutas xacobeas, que supoñen un investimento de case 1,8M€

A Xunta executa obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-231, no treito coincidente co Camiño do Norte, no concello de Sobrado dos Monxes

A actuación céntrase na execución dunha senda de dous metros de ancho entre os puntos quilométricos 14+065 e 15+615

Esta intervención, cun investimento de máis de 215.000 euros, dá continuidade ao programa impulsado o pasado ano pola Xunta na traza dos Camiños, na que se executaron 70 actuacións e ás que se destinou un investimento de 1,4M€

Os traballos desenvolveranse nos distintos trazados da ruta xacobea en tres provincias galegas, estando programadas 11 intervencións na provincia da Coruña; 23 na de Lugo; e 5 na de Ourense

A Xunta aposta por mellorar a mobilidade dos usuarios dos Camiños de Santiago, cun investimento nos últimos anos de 4,9M€, ademais dos 12,6M€ das actuacións que se remataron á súa entrada en Compostela

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2022

A Xunta iniciou as obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-231, no treito coincidente co Camiño do Norte, ao paso polo concello de Sobrado dos Monxes.

 

Esta intervención, que supón un investimento de preto de 215.000 euros, céntranse na execución dunha senda entre os puntos quilométricos 14+065 e 15+615, zona pola que discorre o Camiño de Santiago.

 

A senda proxectada terá 2 metros de ancho, con chan seleccionado estabilizado pola marxe dereita da estrada e con gabia pola beira. Tamén se colocará tubaxe de pluviais baixo a vía, así como entradas a varios predios agrícolas.

 

Con esta intervención dá comezo a primeira das 39 actuacións de mellora da seguridade viaria que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai executar este ano en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, e que supoñen un investimento de preto de 1,8 millóns de euros.

 

Dáse así continuidade ás 70 obras que o Goberno galego realizou o pasado ano nas marxes dos Camiños, e ás que destinou 1,4 M€.

A encomenda deste ano desenvolveranse nos distintos camiños e trazados da ruta xacobea en tres provincias galegas. Na provincia da Coruña están programadas un total de 11 actuacións: 9 intervencións no Camiño Norte e 2 no Camiño Inglés.

 

Na provincia de Lugo están deseñadas no Camiño Francés 6 actuacións, no de Inverno 7, no Norte 2, e outras 8 no Camiño Primitivo. Isto supón en total 23 intervencións.

 

Finalmente, na provincia de Ourense están previstas un total de 5 intervencións no Camiño da Prata.

En xeral, os traballos consistirán na instalación, reforzo e retranqueo de sinalización; na construción de sendas, muros, gabias transitables e pasarelas; na instalación de barreiras e varandas ou novos encamiñamentos; e en calquera outra actuación que sexa precisa para incrementar a seguridade da rede autonómica de estradas galegas no entorno dos Camiños de Santiago

Estas obras enmárcanse na aposta da Xunta por mellorar a mobilidade, a comodidade e a seguridade viaria dos Camiños de Santiago, cun investimento nos últimos anos de 4,9M€, ademais dos 12,6M€ das intervencións que se remataron á súa entrada en Compostela.

Imaxes relacionadas