A Xunta de Galicia destina 154.000 euros ao programa ‘Acougo’ da Fundación Monte do Gozo encamiñado á inserción social de persoas con patoloxía dual

Permitirá financiar 9 prazas residenciais, aínda que dependendo da autonomía das persoas usuarias e da súa situación familiar pódese optar a réxime semirresiden-cial

O plan a desenvolver é de tipo psicosocial polo que a súa metodoloxía se basea nunha intervención personalizada e na implicación da persoa usuaria no seu trata-mento

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2022

A Xunta destina 154.000 euros a Proxecto Home para a atención de persoas con patoloxía por problemas de adicción. A través do programa Acougo póñense en marcha plans de atención, rehabilitación e reinserción social de persoas adictas.

 

O Goberno galego financia a través deste convenio 9 prazas desta iniciativa que se dirixe de maneira específica a persoas diagnosticadas con trastornos psiquiátricos derivados do abuso do consumo de substancias psicoactivas, como a esquizofrenia, o trastorno de límite de personalidade, a obsesión compulsiva ou o trastorno bipolar.

 

O programa Acougo desenvólvese maioritariamente en réxime residencial, aínda que dependendo da autonomía das persoas usuarias e da súa situación familiar pódese optar polo réxime semirresidencial. A atención é personalizada e inclúe a participación en grupos de autoaxuda, seminarios educativos, obradoiros ocupacionais e para a adquisición de habilidades sociais ou actividades deportivas, entre outras intervencións.

 

Ademais a Consellería de Política Social e Xuventude tamén apoia este proxecto con 190.000 euros destinados a axudas de iniciativa social e IRPF concedidas á propia Fundación Monte do Gozo.