O delegado territorial da Xunta en Ourense supervisou esta mañá o estado das obras que están a piques de rematar

A Xunta inviste máis de 663.000 euros na rehabilitación integral do CPI Padrenda-Crespos

O delegado territorial explicou que estas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia”

Gabriel Alén resaltou que o obxectivo final destas actuacións é que Galicia “sexa pioneira nun novo modelo de escolas para o século XXI”

Ourense, 22 de agosto de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde, Manuel Pérez, desprazouse esta mañá ao CPI de Padrenda-Crespos para supervisar as obras, a piques de rematar, que se están a desenvolver no centro escolar e nas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades inviste 663.123,54 euros na súa rehabilitación integral.

O delegado territorial salientou que todas estas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte...”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

O obxectivo final, subliñou Gabriel Alén, é que Galicia “sexa pioneira nun novo modelo de escolas para o século XXI”, a través dun plan que dea valor engadido aos centros educativos, os espazos nos que os futuros cidadáns pasan “as etapas máis determinantes das súas vidas”. Para iso, subliñou, “é imprescindible poñer a arquitectura a disposición das necesidades do sistema educativo”.

As obras executáronse coa finalidade de adaptalo ao uso docente actual mellorando o seu inadecuado estado de conservación. Deste xeito, no edifico principal levouse a cabo o Illamento mediante inxección en interior de cámara en zona orixinaria, o Illamento sobre último forxado, baixo cuberta e o Illamento baixo forzado en porches abertos con aulas en planta superior.

Cambiáronse as carpinterías exteriores por outras con rotura da ponte térmica, vidro dobre e oscilobatentes para mellorar a ventilación natural das aulas, ademais de mellorar o confort térmico e substituíronse as persianas de pvc por persianas illantes monoblock.

Tamén se mudaron as luminarias por sistema de iluminación led con sensores de luz e mellorouse o sistema de calefacción mediante colocación de válvulas termostáticas nos radiadores, para garantir unha correcta climatización das zonas e como medida de aforro.

Así mesmo procedeuse á reparación da cuberta mediante a substitución dos elementos danados como os canalóns e baixantes, e reformáronse completamente os aseos intermedios en planta primeira e segunda.

Instalouse un tabique móbil divisorio en estancia en planta baixa multifuncional para adaptar o espazo a comedor ou salón de actos segundo o caso, e pintáronse as zonas deterioradas do centro, tanto en interior como en exterior , en cor branca seguindo o Manual de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

En canto ao edificio polideportivo, levouse a cabo a substitución da cuberta de chapa metálica simple por chapa sándwich con illamento intermedio, de cor gris, e a da chapa de policarbonato do extremo superior da fachada por atoparse moi deteriorada. Tamén se substituíron os canalóns e baixantes.

Imaxes relacionadas