A Xunta leva a Sarria a música de Ars Combinatoria e de Treixadura os días 24 e 25 respectivamente

Lugo, 22 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia promove senllos concertos de Ars Combinatoria e de Treixadura os días 24 e 25 de agosto en Sarria, apoiando a programación da Noite Meiga que se celebra desde mañá, martes, e ata o domingo na localidade.

Ars Combinatoria actuará o mércores a partir das 20.00 horas na igrexa de Santa Mariña, cun repertorio das Cantigas de Santa María de Alfonso X O Sabio. Haberá outra oportunidade de desfrutar desta actuación en Triacastela, o sábado 27 a partir das 18.00 horas na igrexa de Santiago. Os concertos enmárcanse nun convenio da Xunta coa Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés.

Pola súa banda, o ciclo Concertos do Xacobeo recala en Sarria coa actuación de Treixadura, o xoves ás 21.30 horas na Praza da Vila.