A Xunta inicia as obras da senda que unirá A Casilla, O Araño e Burés, no concello de Rianxo, cun investimento de máis de 500.000 €

A actuación ten un prazo de execución de 6 meses e preténdese que estea rematada na primavera do vindeiro ano

Habilitarase un itinerario pola marxe dereita da AC-305 co obxectivo de fomentar a mobilidade alternativa e acadar unha diminución do tráfico rodado motorizado diario que actualmente existe entre os núcleos de Burés e A Casilla

O novo itinerario sumará algo máis de 1,3 km, cun primeiro treito con inicio en Burés e fin nos Xens, e un segundo con inicio en Contrés e fin na Casilla

A senda seguirá a liña do bordo actual da estrada, reducindo ou ampliando a beiravía para igualala en toda a actuación e acadar un itinerario de 2 metros de ancho, favorecendo os desprazamentos a pé e o acceso ás paradas de transporte público

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas para dotar os veciños de itinerarios máis cómodos, seguros, sustentables e saudables

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou as obras da senda que conectará, a través da estrada AC-305, A Casilla, O Araño e Burés, no concello de Rianxo.

 

Os traballos, que contan cun investimento autonómico de máis de 500.000 euros, teñen como obxectivo mellorar a seguridade viaria na AC-305, habilitando sendas peonís que favorezan a mobilidade a pé dos veciños. A actuación ten un prazo de execución de 6 meses, polo que na primavera de 2023 prevese que estea rematada.

 

Actúase nunha contorna na que hai dous treitos de estrada que carecen de espazo para permitir un tránsito peonil seguro e teñen vivendas nas súas marxes. A Xunta promove estas obras, que favorecerán os desprazamentos seguros a pé e garantirán, tamén, un mellor acceso ás paradas de transporte público.

 

O itinerario execútase pola marxe dereita da estrada, habilitando, en total, algo máis de 1,3 km de senda. Tomando como referencia a liña do bordo actual da vía, ampliarase ou reducirase a beiravía para igualala ata os 50 centímetros en toda a actuación. A partir de aí, aumentarase a plataforma ata acadar unha senda de 2 metros de ancho, e incluso nalgún treito, tamén disporá de rígola e bordo de formigón.

 
 

A nova senda desenvolverase en dous tramos, para ofrecer continuidade aos desprazamentos peonís. O primeiro partirá do núcleo de Burés, a continuación da beirarrúa actual, e finalizará no lugar dos Xens, onde conectará coa senda existente. Son, en total, uns 820 metros de senda. O segundo treito de itinerario, de 510 metros, comezará en Contrés e finalizará na Casilla, dando continuidade ao itinerario actual.

 

O firme da senda será en formigón armado e baixo el disporase unha base de solo seleccionado, prevéndose tamén a execución de colectores para recoller e dirixir as augas pluviais.

 

Os traballos completaranse coa instalación para as redes de telecomunicacións e coa semente dos taludes e desmontes, como medida de rexeneración ambiental. Ademais, colocaranse varandas de protección dos peóns en distintas zonas e a sinalización precisa.

 

Esta intervención de mellora da seguridade viaria contará con financiamento dos fondos React UE da Unión Europea.  

 

Xunto con estas obras, a departamento de Infraestruturas da Xunta acomete unha actuación adicional na outra marxe desa mesma estrada, coa execución dunha senda en Burés, adxudicada por un importe de preto de 50.000 euros.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro, sustentable e saudable.

Imaxes relacionadas