A Xunta recibe 4 ofertas de empresas para a remodelación integral do parque de San Martiño de Carballo, dentro do Plan de xestión do risco de inundacións no río Anllóns

Trátase dunha das actuacións que levará a cabo a Xunta para reducir o risco de asolagamento neste río ao seu paso polo municipio coruñés

As obras desenvolverán a solución deseñada por Augas de Galicia para a construción de motas de protección fronte ás avenidas no parque

As actuacións realizaranse en tres zonas diferenciadas: augas abaixo da ponte de Cálea Sol; no propio parque San Martiño, bordeando a rúa San Ramón e terminando na ponte da rúa Iglesia; e entre a ponte da rúa Iglesia e a ponte Aforo

A Xunta investirá un total de 3 millóns de euros nas obras previstas no convenio asinado co Concello de Carballo para reducir o risco de inundacións nesta área de especial risco

O departamento que preside Ethel Vázquez mantén a aposta pola cooperación entre todas as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ás inundacións e acadar unha máis rápida recuperación fronte ás súas posibles consecuencias

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 4 ofertas para executar as obras de remodelación do parque de San Martiño de Carballo. Esta intervención, licitada pola Xunta por máis de 336.000 euros, están incluídas no Plan de xestión do risco de inundacións do río Anllóns.

 

Trátase dunha das actuacións que levará a cabo a Xunta para reducir o risco de asolagamento no río Anllóns ao seu paso polo municipio coruñés, deseñadas todas elas por Augas de Galicia no marco do Plan de xestión específico do risco de inundacións para esta área, declarada de risco potencial significativo.

 

O obxectivo deste traballo é a construción de motas de protección fronte ás avenidas na contorna do parque San Martiño.

 

Deste xeito, realizaranse actuacións en tres zonas diferenciadas: a primeira, augas abaixo da ponte de Cálea Sol; a segunda no propio parque de San Martiño, bordeando a rúa San Ramón e terminando na ponte da rúa Iglesia; e a terceira, entre o parque de San Martiño -ponte da rúa Iglesia- e a ponte Aforo.

 

Colaboración co Concello

A intervención enmárcase na colaboración asinada polo departamento que preside Ethel Vázquez e o Concello de Carballo, que prevé un investimento autonómico global de 3 millóns de euros.

 

Este acordo establece que o Concello de Carballo debe pór á disposición os terreos e a Xunta, ademais da identificación das actuacións necesarias, elabora os anteproxectos, os proxectos construtivos e leva a cabo a execución das obras.

No citado convenio inclúense diferentes actuacións, estando analizando a entidade hidráulica da Xunta as 5 ofertas recibidas de empresas para a execución das obras licitadas para executar as obras do ‘by-pass’ no río Anllóns na zona de Muíño do Quinto, que suporán un investimento de máis de 282.000 euros.

 

As outras actuacións correspóndense cos proxectos de demolición dunha edificación, remodelación da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol; a remodelación da ponte da rúa Fomento, con motas de contención augas abaixo; e a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo.

 

A Xunta segue traballando para continuar coa contratación de todos estes proxectos construtivos e das obras, que deben estar completamente rematadas en 2023.

 

Plan de xestión específico do risco de inundacións do río Anllóns

Estas medidas enmárcanse no Plan de xestión específico do risco de inundacións para o río Anllóns en Carballo, que recolle unha serie de actuacións, paliativas e preventivas, de aplicación por Augas de Galicia e o Concello.

 

Todas as intervencións apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas na construción de infraestruturas que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.

 

As accións de prevención van encamiñadas ao mantemento do leito, a unha axeitada ordenación urbanística ou, por exemplo, a instalar un novo punto de predición do sistema de alerta temperá na conca do río Anllóns e dunha estación de aforo para medir os caudais.

As medidas de recuperación e revisión tras as inundacións diríxense a longo prazo.

 

Neste caso, o desenvolvemento do Plan de Actuación Municipal fronte a inundacións resulta fundamental, cos protocolos que teña definido para a recuperación tras unha enchente. Tamén resulta necesario informar e promover entre os particulares a contratación de seguros de protección fronte a inundacións no ámbito do Anllóns.

 

As obras previstas no convenio serán cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.

 

O departamento que preside Ethel Vázquez mantén a aposta pola colaboración entre todas as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ás inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias, tendo en conta o contexto de cambio climático, no que estes episodios extremos son cada vez máis frecuentes.