A Xunta apoia 17 proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global

O orzamento destinado á execución das actuacións no período 2022-23 suma 600.000 euros, un 20% máis que o pasado ano

As actuacións diríxense á sensibilización da opinión pública e á difusión nos ámbitos educativos da realidade dos países empobrecidos, así como á investigación sobre o desenvolvemento e á mobilización social

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2022

A Xunta vén de publicar a resolución da convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, coa que se apoian 17 proxectos a cargo de 13 entidades durante o período 2022-2023. A dotación orzamentaria ascende a 600.000 euros para os dous exercicios, o que representa un incremento do 20% con respecto ao investimento do pasado ano.

 

As entidades beneficiarias son a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), Farmacéuticos Mundi en agrupación coa Universidade de Santiago de Compostela, Fundación Intered, Asemblea de Cooperación pola Paz e Arquitectura sen fronteiras. Figuran tamén Solidariedade Internacional de Galicia, Fundación Taller de Solidaridad, Asociación Amigos da Terra, Fundación Entreculturas-Fe y Alegría, Manos Unidas, Fundación Ayuda en Acción e a Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia. Completa a listaxe Fundación Educación y Cooperación, EDUCO.

 

As actuacións previstas diríxense á sensibilización da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza; á formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos formais e non formais da realidade dos países empobrecidos; á investigación sobre o desenvolvemento e á mobilización social para crear redes de solidariedade.

 

A achega do Goberno galego financia ata o 95% do orzamento total do proxecto, con axudas máximas de ata 35.000 euros para o período 2022-2023 e de 25.000, se as accións se executan só en 2022. No caso de proxectos desenvolvidos por varias entidades en agrupación, a contía máxima é de 45.000 euros para as accións plurianuais e de 35.000 para as correspondentes só a 2022.

 

Entre os gastos cubertos figuran o alugamento de locais para a realización das actividades previstas ao abeiro da convocatoria, desprazamentos, persoal ao servizo do proxecto, elaboración de materiais de difusión e asistencia a encontros de formación técnica. En canto aos criterios de valoración, neles tivéronse en conta tanto aspectos relacionados coa entidade responsable como con cada un dos proxectos presentados.

 

Cidadanía global activa ante as inxustizas

A iniciativa enmárcase no compromiso da Xunta coa conformación dunha cidadanía global a través do fomento da educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega sobre as realidades dos países empobrecidos e as causas da pobreza. Búscase tamén potenciar valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia, xustiza e igualdade, a prol dunha cidadanía global crítica, activa ante as inxustizas e participativa na construción dun mundo mellor.