A Xunta mantén aberto o prazo para acollerse á orde de axudas a entidades sociais á que destina 7,2 M€

O Goberno galego financiará o funcionamento diario de establecementos como albergues ou comedores sociais e de programas de inclusión social, acceso ao mercado laboral ou reparto de alimentos, entre outros

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia mantén aberto o prazo para acollerse á orde de axudas a entidades sociais para financiar a posta en marcha de programas e iniciativas de inclusión. O Goberno galego destina 7,2 millóns de euros a esta iniciativa que se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 5 de agosto.

 

Estas axudas garantirán o financiamento básico dos centros de inclusión e emerxencia social da nosa comunidade tales como albergues, comedores sociais, servizos de reparto de alimentos ou centros sociais de atención continuada. Todos estes programas, ademais, recibirán con esta nova orde de entidades ata un 40% máis de financiamento por cada un dos seus usuarios que en convocatorias anteriores.

 

Por outra banda, a orde tamén achegará financiamento a programas de inclusión social e acceso ao mercado laboral para persoas en risco de exclusión. Entre eles inclúense tamén programas formativos e de asesoramento técnico en materia de estranxeiría.

 

Esta iniciativa do Goberno galego busca dar continuidade ao labor de inclusión que realizan as entidades sociais. Grazas a elas todos os galegos reciben os servizos sociais que precisan de acordo coas súas necesidades, ao tempo que a Xunta de Galicia dispón dun interlocutor indispensable para coñecer as inquedanzas das persoas que máis necesitan de axuda.

Imaxes relacionadas