A Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta promove 27 actuacións artísticas na área de Vigo ata final de ano

A nova carteleira semestral do circuíto cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e 37 entidades locais adheridas ofrece o espectáculo Ultreia do Mago Teto mañá en Gondomar, onde terán lugar outras dúas funcións

O Auditorio Municipal de Vigo acollerá ata decembro 19 representacións, mentres que os escenarios de Redondela e Cangas albergarán tres e dous espectáculos, respectivamente
 

Gondomar (Pontevedra), 20 de agosto de 2022.-

A Xunta de Galicia promove 27 novas actuacións artísticas na área de Vigo ata final de ano a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos escénicos e musicais que en 2022 superará as 500 funcións ofrecidas nos seus arredor de 40 escenarios asociados.

 

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades cofinancia esta rede xunto a 37 entidades locais de toda Galicia, que no caso da zona de influencia da cidade olívica son os concellos de Cangas, Gondomar, Redondela e Vigo. Nesta área, a programación semestral arrancará mañá domingo, ás 21,30 h, nas pistas do Complexo Deportivo das Cercas de Gondomar co espectáculo de ilusionismo e maxia Ultreia. Ao final do camiño estás ti, do Mago Teto coa participación da Agrupación Musical de Vincios.

 

Esta será a primeira das tres funcións da nova temporada da Rede Galega de Teatros e Auditorios no concello de Gondomar, que ten previsto ofrecer no seu Auditorio Lois Tobío o 22 de outubro a obra Illas desertas, da formación galega ArtesaCía, e o xa o 13 de novembro, a peza Laika, do grupo barcelonés Xirriquiteula Teatre.

Unha vintena de espectáculos en Vigo

Pola súa banda, Vigo programa 19 actuacións dentro do circuíto da Xunta, que dan comezo os días 22 e 23 de setembro con Troula Animación e o espectáculo de rúa O estraño caso do dentista da rúa Brasov. O Auditorio Municipal acollerá o resto da programación, con outras 17 citas escénicas e musicais que fan deste recinto o espazo con maior actividade esta temporada no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

 

O escenario vigués acollerá en outubro as montaxes Ultreia do Mago Teto (domingo 2), Outrora Nós de Mevadeus (venres 7), Golulá de Galitoon (domingo 9), Backstage de NegroLópez (domingo 16), Technocracia de Funboa Escénica (venres 21), Concertos para Bebés de Musicalmente (domingo 23) e Hugo de Os Náufragos Teatro (domingo 30).

 

Xa en novembro, o Auditorio Municipal de Vigo recibirá as compañías De Ste Xeito, que representará o 4 e 5 A resurrección de Nuno; Ainé Produccións, que fará o propio os días 11 e 12 coa súa coprodución do Centro Dramático Galego Continente María; Talía Teatro, que lle presentará ao público vigués a súa adaptación de Morte accidental dun anarquista na fin de semana do 18 e 19 de novembro; DA.TE Danza, que chega o domingo 20 coa súa peza Natanam; Crémilo Proxectos Culturais, que levara a escena a súa obra Golfa os días 25 e 26, e Ghazafelhos, que fechará con Ninja o amplo cartel en Vigo da Rede Galega de Teatros e Auditorios o 27 de novembro.

 

Cangas e Redondela

A programación da Xunta conta no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas con outras tres citas que correrán a cargo de Compañía Eléctrica, con Miss Docet o 29 de outubro; A Panadaría, que levará a xira de As que limpan até o escenario cangués o 12 de novembro, e Culturactiva, con As alumnas o 26 dese mes.

 

Pola súa banda, o concello de Redondela programará no marco desta rede de distribución cultural dúas funcións. A primeira celebrarase no Auditorio da Xunqueira o 16 de outubro, día en que recibirá o espectáculo de maxia Le Cirque, de Cayetano Lledó. A segunda das citas terá lugar o 4 de decembro e será coa compañía Con De Tres Pés, que levará a Redondela a súa obra Quen dixo medo?

 

Balance anual

A Rede Galega de Teatros e Auditorios iniciou en xullo a súa programación para o segundo semestre deste 2022, durante o cal se celebrarán 201 funcións escénicas e concertos en 37 dos concellos galegos adheridos. Deste xeito, a Xunta superará no cómputo anual as 500 actuacións de teatro, maxia, danza, circo e música que ofrecerán 181 formacións artísticas en 2022 dentro deste circuíto de exhibición de espectáculos, para o que se dispón dun orzamento global que supera os 1,8 millóns de euros.

Imaxes relacionadas