A Central de Coordinación do 061 recibiu máis de 768.000 chamadas no que vai de ano 2022 en Galicia

No mes de xullo deste ano atendéronse 120.661 chamadas, o que supón unha media de mais de 3.800 chamadas ao día xestionadas
 

Datos comparativos dos primeiros trimestres de 2008 e 2022 reflicten que as mobilizacións de ambulancias asistenciais incrementáronse, e duplicáronse as intervencións de helicópteros
 

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2022

A Central de Coordinación da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 xestionou un total de 768.346 chamadas no que vai de ano 2022 na Comunidade galega. O máximo de atencións produciuse neste mes de xullo, cando se atenderon 120.661 chamadas, o que supón unha media de mais de 3.800 chamadas ao día xestionadas.

 

Estas chamadas recibidas na Central do 061 poden xerar un proceso asistencial que implique a mobilización de recursos, e que pode ter asociado un o máis pacientes, ou poden ser resoltos sen necesidade de activar os recursos da Fundación. No que vai de ano, a porcentaxe de resolución de procesos asistenciais nos que foi necesario mobilizar recursos do 061 foi do 60 por cento, mentres que no 40 por cento restante non houbo necesidade de activar os recursos da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia.

 

No ano 2021, por exemplo, a Central de Coordinación do 061 recibiu 1.157.979 chamadas, xerando un total de 493.743 procesos asistenciais, o 60,1 % dos cales foron resoltos mobilizando os recursos desta fundación pública. En 2020, ano que coincide coa pandemia do COVID, recibíronse un total de 1.280.305 chamadas, xeráronse 578.905 procesos asistenciais e nun 48,57% deles foi necesaria a mobilización de recursos.

 

En 2019, o número de chamadas á Central do 061 ascendeu a 1.116.558, con 440.608 procesos asistenciais. Nun 67,92% das asistencias mobilizáronse os recursos do 061.

 

Comparativa primeiro trimestre 2008 e 2022

Datos comparativos do primeiro trimestre dos anos 2008 e 2022 reflicten este incremento de atencións. Así, as chamadas recibidas pola Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 entre xaneiro e marzo de 2022 acadaron a cifra de 293.295, o que supón a atención de 57.000 chamadas máis que no mesmo período de 2008, cando rexistráronse 236.221 chamadas. Isto supón un importante incremento de actividade, xa que se pasou de participar en 102.433 procesos asistenciais no primeiro trimestre do ano 2008 a superar as 141.500 no mesmo período deste ano 2022, o que supón case 40.000 procesos xestionados máis.

 

A actividade do 061 incrementouse tamén de xeito considerable, tanto nas mobilizacións de ambulancias de Soporte Vital Básico (SVB) -que incorporan 2 técnicos de emerxencias sanitarias- como nas de Soporte Vital Avanzado (SVA) -ambulancias con persoal de enfermaría, mediciña e técnicos de emerxencias sanitarias -. Así, as ambulancias SVB realizaron neste primeiro trimestre de 2022 un total de 69.915 mobilizacións, fronte ás 59.504 do ano 2008; no caso das mobilizacións de equipos do 061 con persoal de enfermaría, mediciña e técnicos de emerxencias (SVA), acadaron as 5.720 nos tres primeiros meses deste ano, fronte aos 3.850 do mesmo período de 2008.

 

É salientable tamén o número de mobilizacións dos servizos de helicóptero, pois no primeiro trimestre de 2008 ascenderon a un total de 104, e no ano 2022 duplicáronse, ata acadar as 218.

 

As cifras amosan que a actividade do servizo de transporte sanitario urxente terrestre da Xunta de Galicia constitúe un complemento de especial valor do sistema sanitario público na atención integral aos pacientes, ao tempo que contribúe ao Plan de reforma.