O conselleiro do Medio Rural está reunido cos veciños implicados no que será o polígono de Freixido e logo visitará a futura aldea modelo de Santa Mariña de Seadur

A Xunta e o Concello de Larouco avanzan na posta en marcha dunha aldea modelo e dun polígono agroforestal no marco da Lei de recuperación da terra

A aldea modelo -en fase de recollida de sinaturas- permitirá a posta en valor de 34,17 hectáreas arredor do núcleo de Santa Mariña de Seadur, co obxecto de fixar poboación e de xerar riqueza ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais
 

Mentres, o polígono de Freixido -na fase de actuacións previas- suporá a recuperación de 136 ha, orientadas preferentemente a árbores froiteiras e viñedo

Larouco (Ourense), 20 de agosto de 2022

A Xunta e o Concello de Larouco avanzan na implantación dunha aldea modelo e dun polígono agroforestal no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, está a manter hoxe un encontro cos veciños implicados no que será o futuro polígono de Freixido e, posteriormente, visitará a zona onde se executará a aldea modelo de Santa Mariña de Seadur.  

 

No caso do polígono, prevese poñer en valor un total de 136 hectáreas, divididas en 1.227 parcelas de 517 propietarios. Estará orientado preferentemente a árbores de froito e viñedo. En toda Galicia, son 10 os procedementos xa iniciados (contabilizando os sete comezados en Ourense), cunha superficie superior ás 4.000 hectáreas. Cinco máis, incluído este de Freixido, atópanse na fase de actuacións previas.

 

O titular de Medio Rural sinalou que estas iniciativas póñense en marcha en aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de recuperar grandes espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición en cada zona. O obxectivo é dinamizar o territorio e xerar actividade económica, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. 

 

Ademais dos polígonos, a Xunta aposta, no marco da devandita lei, por outras figuras para recuperar e valorizar a terra agraria, como é o caso das aldeas modelo. Nesa liña, o conselleiro visitará -tras a xuntanza- a zona onde se implantará a aldea modelo de Santa Mariña de Seadur, unha iniciativa que se atopa na fase de recollida de sinaturas.

 

Neste caso, trátase dunha zona de pastos e labradío que inclúe tamén masas de coníferas e frondosas. Consta dunha superficie de 34,17 hectáreas arredor do núcleo de poboación que se busca poñer en valor, distribuídas en 565 parcelas de 269 propietarios.

 

Cabe recordar que hai preto dunha vintena de aldeas modelo declaradas en toda Galicia -13 delas na provincia de Ourense-, ás que hai que sumar varias en distintos graos de tramitación coma esta. Distintas fórmulas para un mesmo obxectivo, segundo dixo o titular de Medio Rural, que é o de dinamizar o territorio e xerar actividade económica para que sexa posible vivir no e do rural. E tamén para anticiparnos aos lumes e diminuír os danos que poidan causar, concluíu.

Imaxes relacionadas