A Xunta propón ao Goberno un plan especial para dotar de Internet de alta velocidade os territorios con características especiais de dispersión e despoboamento

O Goberno galego insiste na necesidade dunha maior descentralización dos fondos para que as actuacións se adapten ás necesidades específicas das Comunidades Autónomas
 

O Goberno soamente transferiu ás CC. AA. un 9% dos máis de 4.000 millóns de euros de que dispón para cumprir os obxectivos europeos de banda longa e limita as actuacións dos gobernos autonómicos
 

Galicia reclama ao Goberno que faga un seguimento das subvencións concedidas aos operadores e que axilice os proxectos que xa están adxudicados
 

Os retrasos na execución e a falta de adecuación ás características do territorio manteñen a Galicia nos últimos postos do Estado en despregamento de internet de moi alta velocidade
 

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia propuxo ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a posta en marcha dun plan especial para a dotación de cable de fibra aos territorios con especiais características de dispersión e despoboamento. O Plan debería incluír unha maior descentralización dos fondos dedicados ao despregamento de internet de altas prestacións.

 

O Estado destina 4.320 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para lograr os obxectivos establecidos pola Unión Europea. Segundo estes obxectivos,  o 100% da poboación deberá dispoñer en 2025 dunha conexión a internet de, polo menos, 100 Mbps. Desa cantidade, soamente un 9% foi transferido ás comunidades autónomas para a execución de actuacións predefinidas polo propio Estado.

 

En concreto, Galicia recibe só o 0,5% deses máis de 4.000 millóns de euros para reforzar a conectividade, que teñen que destinarse a catro actuacións definidas polo Estado, e que son as mesmas en todos os territorios.

 

Os últimos datos publicados polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital sinalan que, tras os últimos despregamentos impulsados polo Estado en Galicia, a cobertura de redes de 100Mbps ou máis incrementouse en 5 puntos porcentuais, e pasou dun 72%, a mediados de 2020, a un 77% a mediados de 2021.

 

Este incremento non permite avanzar a Galicia na clasificación de comunidades autónomas e sigue á cola tan só por diante de Castilla-León, que conta cun 69,5%. Coas actuacións en marcha, o obxectivo do Goberno é o de que Galicia chegue ao 85,8 %, fronte á media nacional do 94%, o que manterá á nosa Comunidade nos últimos postos do Estado.

 

Esta situación é tamén o resultado dos retrasos na execución dos programa estatais concedidos en Galicia ás operadoras no período 2013-2021, por un importe de en torno a 100 millóns de euros. Desa cantidade, 80 millóns de euros foron concedidos nas convocatorias 2018, 2019 e 2020 que, a mediados de 2021 aínda estaban en execución e, polo tanto, non están contabilizados os seus resultados finais na cifra de cobertura de mediados de 2021.

 

Concretamente, as convocatorias 2019 e 2020 continúan actualmente en execución. Supoñen un investimento de 54,6 millóns de euros públicos e prevese achegar a fibra óptica a máis de 200.000 vivendas e empresas en aproximadamente 9.000 entidades de poboación. Estas actuación non se están a contabilizar no 77% de cobertura de mediados de 2021. 

 

Neste sentido, a Xunta reclamou tamén ao Ministerio que faga un seguimento das axudas concedidas aos operadores e que se interese pola axilización dos proxectos adxudicados

Imaxes relacionadas