A Xunta recibe 10 ofertas para a execución das obras da nova senda entre Oleiros e Leirado, en Salvaterra de Miño, que suporá un investimento da Xunta de 1,5 M€

Construirase un itinerario de uso fundamentalmente peonil, que dará continuidade aos treitos de senda xa executados en distintas actuacións nos últimos anos

As obras abranguen un treito de 4,6 km, nas zonas de vivendas entre as parroquias de Oleiros e Leirado, e mellorarán os accesos á igrexa e aos establecementos hostaleiros e de alimentación

Instalaranse 3 pasos de peóns con iluminación específica para reforzar a seguridade viaria e instalaranse 4 novas marquesiñas para facilitar o acceso ao transporte público

A actuación súmase a outras obras de mellora dos desprazamentos a pé executadas previamente para unir Oleiros con Salvaterra a través da PO-400 e da PO-402

O Goberno galego aposta pola mobilidade sostible coa execución de 200 km de sendas na comunidade cun investimento de 50 M€

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2022

A Xunta recibiu 10 ofertas para executar as obras da nova senda na estrada PO-402 entre Oleiros e Leirado, en Salvaterra de Miño, que suporá un investimento da Xunta de 1,5 millóns de euros.

O obxectivo da actuación, que se prevé iniciar en novembro para que estea rematada no vindeiro verán, é mellorar a mobilidade a pé e o reforzo da seguridade, especialmente dos usuarios máis vulnerables das estradas, peóns e ciclistas.

Trátase dun itinerario mixto, fundamentalmente de uso peonil, que dará continuidade aos treitos de senda xa executados a través de distintas actuacións levadas a cabo nos últimos anos.

Actuarase en 4,6 km de estrada, coincidindo cos treitos con vivendas que se atopan entre as parroquias de Oleiros e de Leirado, e mellorando o acceso a zonas de equipamentos como a igrexa e establecementos hostaleiros e de alimentación.

O itinerario será de formigón coloreado e terá un ancho mínimo de 1,80 metros e estará elevado 10 centímetros sobre a estrada para unha maior seguridade. Ademais, contará con pavimento podotáctil nos vaos peonís, para favorecer o tránsito de persoas coa capacidade visual diminuída.

 

Para fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, disporanse 3 pasos de peóns con iluminación específica, un deles sobreelevado, para mellora da mobilidade e unha mellor accesibilidade á nova senda. Xunto con isto, e coa finalidade de facilitar o acceso ao transporte público, acometeranse 4 marquesiñas, renovando as actuais. 

Ademais aproveitaranse os traballos para mellorar o trazado dunha curva con radio reducido, no quilómetro 4+900, sen necesidade de expropiacións.

A actuación completa outras obras de mellora da mobilidade peonil executadas con anterioridade para unir Oleiros con Salvaterra a través da PO-400 e da PO-402.

A intervención conta con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19.

A Xunta aposta pola mobilidade sostible e saudable, xa que estes itinerarios peonís convidan a andar e a non coller o coche para os desprazamentos diarios, contribuíndo ao coidado do medio.

O Goberno galego leva executados 200 km de sendas en toda Galicia cun investimento de 50 M€.