O delegado territorial da Xunta en Ourense visitou esta mañá a Biblioteca Municipal de Vilar de Barrio

A Xunta destina preto de 95.000 € á renovación de auditorios, bibliotecas, arquivos e equipamentos culturais de 8 concellos da provincia de Ourense

O delegado territorial explicou que na provincia de Ourense serán beneficiados, ademais de Vilar de Barrio, os concellos de Cartelle, Pereiro de Aguiar, Cenlle, Allariz, Verea, O Carballiño e Coles

Gabriel Alén sinalou que as subvencións permitirán reforzar os equipamentos culturais de Galicia con diferentes actuacións que inclúen ata dotar de equipamento e mobiliario, realizar obras de reforma, ampliar, modernizar ou mellorar os inmobles ou adquirir materiais técnicos

Ourense, 19 de agosto de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde, Manuel Conde, visitou esta mañá as instalacións da Biblioteca Municipal de Vilar de Barrio para anunciar a concesión de 19.301,43 euros por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para a mellora do seu equipamento ao amparo da liña de axudas de preto de 500.000 euros convocada pola Xunta para equipar e mellorar as instalacións e locais destinados a realizar actividades culturais de 47 concellos de Galicia.

O delegado territorial explicou que na provincia de Ourense serán beneficiados, ademais de Vilar de Barrio, os concellos de Cartelle, Pereiro de Aguiar, Cenlle, Allariz, Verea, O Carballiño e Coles. Un total de 8 municipios que recibirán 94.754,40 euros para mellorar locais, auditorios e casas da cultura

Gabriel Alén sinalou que no seu conxunto, as subvencións, que se conceden en réxime de concorrencia competitiva, permitirán reforzar os equipamentos culturais de Galicia con diferentes actuacións que inclúen ata dotar de equipamento e mobiliario, realizar obras de reforma, ampliar, modernizar ou mellorar os inmobles ou adquirir materiais técnicos. Tamén se inclúen actuacións para actuar sobre a accesibilidade, a iluminación, o son e equipamento de novas tecnoloxías. A listaxe completa pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

As obras da biblioteca municipal de Vilar de Barrio consisten na reforma e modernización para contribuír á mellora dun inmoble municipal, de carácter cultural, tanto na súa nova distribución, como en accesibilidade e en medidas contra lumes. Deste xeito, remodelarase o acceso de entrada, instalaranse novos pavimentos e revestimentos e repararase o falso teito.

Procederase ao cambio da carpintería exterior, interior e a súa vidrería, así como se instalarán novas redes de electricidade, iluminación, fontanería e calefacción. Tamén se levará a cabo o establecemento de pantallas LED e nova sinalización e protección contra incendios.


Investimento global de 4,6 M€

Estas axudas alíñanse cos obxectivos doutras seis convocatorias xestionadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para contribuír á modernización e xestión sustentable dos espazos e as empresas culturais de Galicia e para facilitar o acceso á cultura nos ámbitos rurais cun investimento conxunto de 4,6 millóns de euros.

En concreto, súmanse ás axudas de 200.000 euros para a mellora centros museísticos cunha vintena de beneficiarios e aos 145.000 euros para a posta a punto de 27 arquivos que foron beneficiarios na última convocatoria. Ademais, vense de aprobar unha nova liña de axudas extraordinarias de 1,3 millóns de euros para axudar ás empresas e autónomos no seu equipamento que se suma aos 1,2 millóns de euros que a Xunta adxudicou o pasado mes de maio para a mellora de 46 teatros, auditorios e salas de toda a Comunidade, 26 deles privados e 20 de titularidade pública.

Con cargo a este mesmo programa, a Xunta tamén conta con subvencións a espazos privados de exhibición cinematográfica, con preto de 850.000 euros para cofinanciar proxectos relacionados coa innovación, o funcionamento dixitalizado e sustentable, a captación e fidelización de públicos e a adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual.

Imaxes relacionadas